Inicio Galicia A Xunta inclúe nos Orzamentos de 2020 a normativa e os fondos...

A Xunta inclúe nos Orzamentos de 2020 a normativa e os fondos necesarios para introducir a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos

0

Para a gratuidade nas escolas infantís privadas e de iniciativa social contémplase unha partida inicial de 6,7 millóns de euros, ampliables na medida na que sexa necesario


A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou na súa visita de hoxe a Pontevedra que os Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2020 incorporan a normativa e os fondos necesarios para introducir a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos a partir do ano que vén.

Para posibilitar que se introduza esta medida histórica nas escolas infantís privadas e de iniciativa social, habilítase unha partida inicial de 6,7 millóns de euros, ampliables na medida na que sexa necesario.

Respecto ás escolas infantís da rede pública da Xunta, a Lei de acompañamento dos Orzamentos introduce a habilitación normativa necesaria para que as familias non teñan que pagar nada pola escolarización de 0 a 3 anos dos seus segundos fillos e os que veñan despois. Esta novidade introducirase, tal e como comprometeu o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a partir do primeiro trimestre do ano 2020.

Por último, no marco da colaboración e lealdade institucional entre a Xunta e os concellos, o Goberno galego achegará fondos para que as escolas infantís municipais tamén ofrezan a gratuidade para segundos fillos e sucesivos a partir do vindeiro curso. A conselleira de Política Social explicou que esta medida estará condicionada a que o concello en cuestión non teña débedas coa Xunta no que respecta ao cofinanciamento dos centros públicos que xestiona o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e estean ao día no pagamento das súas liquidacións. Fabiola García destacou que por primeira vez en dez anos, o Orzamento da Xunta supera a barreira dos 10.000 millóns de euros, e que incorporan o maior gasto social da historia de Galicia para que a nosa comunidade “sexa cada vez máis familia”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre