Inicio Galicia A Xunta incide nos beneficios da futura Lei de recuperación da terra...

A Xunta incide nos beneficios da futura Lei de recuperación da terra para as explotacións gandeiras e as razas autóctonas

0

José González destacou a importancia da creación dun Banco de Explotacións para o sector gandeiro e dos mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados no aproveitamento das terras

O Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, situado no concello ourensán de Coles, acolleu hoxe un encontro de traballo entre o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e os representantes da Federación de Razas Autóctonas de Galicia e da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel).

Na xuntanza o titular da Consellería do Medio Rural explicoulles aos membros de Boaga e de Asoporcel os principais contidos da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Ademais, deulles conta das achegas para o fomento e recuperación das razas autóctonas e falou do borrador da lei de residuos agrogandeiros no que tamén está a traballar a Xunta.

En relación co primeiro tema -a futura Lei de recuperación-, o conselleiro trasladou que esta norma xorde como resultado das conclusións do Ditame da comisión parlamentaria forestal tras os lumes de 2017 e que completa e desenvolve o marco normativo actual, culminando así un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este texto legal sinalaba na súa exposición de motivos que Galicia se dotaría con iniciativas futuras dun conxunto de normas para constituír un corpo xurídico coherente e eficaz cara á contribución do espazo agrario e dos seus sistemas produtivos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do medio rural.

Neste senso, José González destacou especialmente unha das figuras que creará a lei, como é o Banco de Explotacións, de especial interese para o sector gandeiro. Este será un instrumento público de mediación que terá por finalidade facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas na súa incorporación. O obxectivo é garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu abandono e o das terras que as conforman. Desta forma, insistiu, fomentarase a remuda xeracional no agro galego para consolidar o futuro do noso rural.

Ademais, o conselleiro explicou que con esta nova lei tamén se apostará por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Así mesmo, sinalou que a principal motivación da futura lei é loitar contra o abandono e a infrautilización, facilitando base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, ao tempo que se procurará anticiparse aos lumes e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.

Fomento das razasAdemais de explicar esta lei, o conselleiro e o director xeral tamén deron conta das achegas da Xunta para o fomento e recuperación das razas autóctonas. Neste sentido, José González lembrou que o Consello do Goberno galego vén de autorizar a sinatura de varios convenios de colaboración -entre eles un con Boaga- para esta finalidade. Están dotados en conxunto con case 3 millóns de euros e o seu prazo de execución abarca ata o 2022. O obxecto destes acordos é apoiar as actividades que realizan estes colectivos a prol da recuperación, conservación e fomento das razas.

No caso da Federación de Razas Autóctonas, a aportación da Consellería do Medio Rural ascende a 1,2 millóns de euros, para a conservación, desenvolvemento e utilización sostible dos recursos zooxenéticos das razas e dos seus produtos derivados, fomentando o uso comercial destes como elemento clave para a súa conservación. As razas amparadas son as bovinas autóctonas galegas en perigo de extinción (limiá, cachena, vianesa, caldelá e frieiresa), así como a ovella galega, a cabra galega e a galiña de Mos. No que atinxe a Asporcel, o convenio terá un importe de 480.000 euros e servirá para financiar actividades de recuperación, conservación e fomento desta raza porcina.

Por último, o conselleiro informou tamén nesta reunión sobre o anteproxecto de lei reguladora do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras xeradas en explotacións de Galicia, que ten como gran obxectivo acadar unha xestión integral destes residuos dende a explotación gandeira ata o tratamento final dos xurros e estercos. Deste xeito, ademais de especificar o proceso a seguir con estes residuos, facilitará a produción de enerxías verdes para o autoconsumo. Ademais, segundo o director xeral, redundará na calidade ambiental dos produtos gandeiros galegos e, polo tanto, aumentará o seu valor.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre