Inicio Galicia A Xunta incide na necesidade de prestar atención psicolóxica ás persoas máis...

A Xunta incide na necesidade de prestar atención psicolóxica ás persoas máis vulnerables durante o confinamento polo coronavirus

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, sobre a evolución deste servizo que se leva a cabo a través do teléfono 112

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de prestar asistencia psicolóxica ás persoas que o precisen, en especial ás máis vulnerables, para atender as consecuencias psicolóxicas derivadas das restricións do Estado de Alarma e da situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus.

Así o sinalou esta mañá tras unha reunión por videoconferencia coa presidenta do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, e coa coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), Ana Núñez, para avaliar a evolución do servizo de atención psicolóxica a través do teléfono das emerxencias 112. “Unha das frontes na loita contra o coronavirus ten que ver cos prexuízos emocionais causados polo confinamento e que reciben resposta da Xunta con este servizo”, explicou.

O servizo, posto en marcha o pasado luns en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, atendeu nos seus primeiros días en funcionamento chamadas de persoas con ansiedade ou que se senten soas polo illamento social, que son os casos máis frecuentes entre os recibidos. Entre as preocupacións da cidadanía tamén destaca o medo ao contaxio da enfermidade e ao futuro cando remate o Estado de Alarma.

Con esta iniciativa, as chamadas son atendidas a través do 112 as 24 horas do día por profesionais do GIPCE, que contan con formación específica en psicoloxía de emerxencias. Case o 80% das persoas que fixeron uso deste servizo nos seus primeiros días en funcionamento foron mulleres e, na súa maioría, na franxa de idade de 50 a 70 anos, que concentra máis da metade das chamadas.

En canto á procedencia dos usuarios, destaca o concello de Vigo, ao que lle seguen as localidades de A Coruña, Ferrol e Ourense. Ademais, as provincias da Coruña e Pontevedra suman case o 90% dos casos recibidos.

Unha vez rexistrada a chamada, o 112 deriva a solicitude de atención psicolóxica a algún dos profesionais do Colexio Oficial de Psicoloxía, que se encarga de realizar a intervención e, segundo o caso, valorará a posibilidade de facer unha nova derivación a outro profesional ou continuar a facer un seguemento.

Alfonso Rueda incidiu en que a prolongación do confinamento coa finalidade de conter o coronavirus está a aumentar a vulnerabilidade da poboación debido á falta de contacto e illamento social. Nesta liña, explicou que co servizo de atención psicolóxica a través do teléfono de emerxencias 112 contribúese a dar resposta ás novas demandas xurdidas da evolución do coronavirus. Engadiu que “nalgúns casos tamén se pide axuda e asesoramento para outros familiares que necesitan atención para que se contacte con eles”.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre