Inicio Galicia A Xunta incide na importancia da inserción laboral das vítimas de violencia...

A Xunta incide na importancia da inserción laboral das vítimas de violencia de xénero para garantir a súa autonomía

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe as axudas do Goberno galego destinadas ao fomento da contratación por parte das entidades locais das mulleres que sofren violencia de xénero


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres vítimas de violencia de xénero acaden unha maior autonomía e poidan saír da situación de violencia e explicou que a convocatoria inicial deste ano dotada cun orzamento de 800.000 euros foi ampliada en dúas ocasións ata acadar preto de 1,6 millóns de euros. Na derradeira convocatoria, resultaron beneficiados, entre outros, os concellos de Pontevedra e Lalín e grazas a estas axudas foron contratadas 21 mulleres nestes dous concellos.

Susana López Abella ,acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, deu a coñecer hoxe a orde de axudas destinada ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero por parte das entidades locais galegas, e incidiu en que esta resolución supón un paso máis na mellora da integración laboral e social destas mulleres que, desta forma, teñen máis posibilidades de incorporarse ao mercado laboral cun posto de traballo estable.

López Abella explicou no marco da rolda de prensa que a convocatoria deste ano contou cun orzamento final de case 1,6 millóns de euros. Na orde inicial reserváronse 800.000 financiados con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e, debido ao éxito desta primeira convocatoria e ao elevado volume de solicitudes, a Xunta levou a cabo dúas ampliacións de crédito. Así, nunha primeira ampliación que se publicou en setembro sumáronse 538.551 euros máis, e na segunda, publicada o pasado 11 de novembro, engadíronse outros 353.021 euros, o que supón un incremento de 888.857 ao importe inicial.

Estas ampliacións permitiron a contratación de 79 mulleres en 12 concellos galegos. As entidades locais beneficiarias na primeira convocatoria foron Mos, Ponteareas, O Barco de Valdeorras, O Valadouro, Fornelos de Montes, Verín e Allariz. Grazas ás dúas ampliacións de crédito puideron chegar as axudas a outros cinco concellos máis, entre eles Pontevedra e Lalín, xunto con Santiago de Compostela, Ares e Teo.

A contía da subvención ás entidades locais beneficiarias é, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar as retribucións salariais brutas totais durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades. Os contratos para os que se concede a subvención deben ser executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a súa execución; durarán como mínimo catro meses e deberán favorecer a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas. Ademais, os concellos terán que designar unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratadas que actúe como profesional de referencia no tempo que dure a contratación e poderá contar con apoio de persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade con formación en xénero.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre