O Goberno galego financiou o 80% das obras desta instalación con 66.000 euros
A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe o novo centro de inclusión social da ONG Mestura en Culleredo. Unhas obras que contaron cun financiamento de 66.000 euros por parte do Goberno galego, o 80% do custe total, e que poñerán á disposición da entidade 17 prazas para atender ós colectivos máis vulnerables, especialmente ás persoas migrantes.
Ademais, a conselleira participou nos actos de celebración con motivo do Día de Migrante organizados por Mestura. Alí, sinalou que o obxectivo do Executivo autonómico é conseguir unha Galicia máis amable e integradora, para o que estimou imprescindible a colaboración da administración coas distintas entidades. Fabiola García gabou o traballo realizado por Mestura na inclusión das persoas migrantes a través do seus cursos de lingua, talleres para a inserción laboral ou programas de voluntariado.
A conselleira lembrou que Galicia ten un forte vínculo coa migración que lle permite coñecer á perfección a situación das persoas que, por unha razón ou por outra, chegan á nosa Comunidade en busca dun presente e dun futuro mellor. Fabiola García afirmou que agora é o momento de que as galegas e galegos sexamos bos anfitrións e colaboremos en converter a Galicia no mellor lugar de acollida.