Inicio Galicia A Xunta impulsará un novo proxecto de I+D para avaliar pezas de...

A Xunta impulsará un novo proxecto de I+D para avaliar pezas de queixo San Simón da Costa con distintos tempos de maduración tras o éxito da primeira enquisa realizada a prescritores

0

Na primeira iniciativa, diversos expertos valoraron positivamente queixos desta Denominación de Orixe Protexida (DOP) que acadaran unha maduración superior ás 52 semanas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), impulsará un novo proxecto de I+D para avaliar pezas do queixo curado da Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa cunha maduración inferior ás 52 semanas. Así o avanzou o director da Agacal, José Luis Cabarcos, no acto no que se presentaron os resultados da enquisa feita a distintos prescritores sobre o produto cunha maduración superior a esas 52 semanas, que cualificou de éxito.

Así, ao abeiro da iniciativa enviáronse diversas pezas de San Simón da Costa a restauradores, críticos, responsables de compras das cadeas de distribución, xornalistas e outros profesionais de prestixio relacionados co mundo da gastronomía, seleccionados polos técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. A todos eles se lles pediu que valorasen o produto cunha maduración superior ás 52 semanas, con vistas a fomentar a súa promoción e comercialización nas diferentes canles de venda aproveitando as suxestións e avaliacións destes expertos.

En xeral, segundo apuntou o director da Agacal, estes prescritores fixeron un balance moi positivo sobre as características organolépticas e unha eventual viabilidade no mercado destas pezas de queixo. Así, case un 65% dos consultados sinalou que estaría disposto a mercalas e un 87% que pagaría un prezo maior por adquirilas.

Preguntados polo grao de coñecemento da DOP San Simón da Costa, o 96% dos enquisados dixo coñecer estes queixos. En canto á valoración (do 1 ao 10) do grao de intensidade deste produto, sendo 1 “pouco intenso” e 10 “moi intenso”, un 27% puntuaron cun 9, mentres senllos 24% optaron polo 7 e o 8.

Unha vez coñecidos estes resultados, a idea é que o Consello Regulador da DOP e as empresas adscritas á Denominación de Orixe valoren a oportunidade e as posibilidades de apostar por este produto. Así mesmo, a Xunta seguirá implementando este proxecto de I+D testando pezas cunha maduración inferior, así como cun maior tamaño para comprobar a súa incidencia nas propiedades do produto.

Con esta medida, a Xunta quere contribuír a dar a coñecer a DOP San Simón da Costa, un queixo de aroma penetrante e sabor moi intenso, obtido grazas á receita artesanal empregada e ao uso das mellores materias primas, que potencian ao máximo ao seu sabor inconfundible. A diferenza coas pezas tradicionais está no tempo de maduración, que non supera os 45 días para as pezas grandes e os 30 para o formato pequeno.

A DOP San Simón da Costa ampara o queixo elaborado con leite procedente de gando vacún das razas rubia galega, pardo-alpina, frisoa e dos seus cruzamentos entre si. O leite empregado é enteiro e cunha composición equilibrada de graxa e proteínas, conforme ás características e estación do ano. A zona de produción, tanto do leite como do queixo, atópase ao norte da provincia de Lugo e está constituída pola comarca da Terra Cha, que engloba os concellos de Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.

Con esta iniciativa, o Goberno galego reforza o seu compromiso e apoio aos produtos con calidade diferenciada da nosa Comunidade, co fin de dalos a coñecer a nivel nacional e internacional. Cómpre lembrar que Galicia é a terceira comunidade autónoma española con máis produtos de calidade certificados, con ata 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre