Inicio Galicia A Xunta impulsará novas accións no ámbito educativo para loitar contra a...

A Xunta impulsará novas accións no ámbito educativo para loitar contra a violencia de xénero

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asinaron hoxe un convenio de colaboración neste sentido

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar novas accións no ámbito educativo para loitar contra a violencia de xénero.

O acordo, que se inscribe no marco do Pacto de Estado, estará dotado con 3 millóns de euros e incluirá accións específicas sobre o desenvolvemento de plans e campañas de igualdade, a formación do profesorado en materia de igualdade e o impulso da coeducación, entre outros.

Segundo explicou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, todas as iniciativas previstas vanse canalizar a través dos centros e para todas as etapas educativas, con especial atención á FP.

Deste xeito, a Consellería promoverá a produción de material didáctico específico desde a perspectiva de xénero, o que implica a creación de grupos de traballo para creación de novos materiais e revisión dos xa existentes. Entre eles, está prevista a elaboración dunha guía básica de detección precoz da violencia de xénero, que sirva como ferramenta de prevención entre o alumnado e proporcione pautas de actuación ao profesorado. Isto completarase con publicacións divulgativas para o profesorado e a identificación e difusión de boas prácticas, entre outros. Así mesmo, haberá unha dotación específica de material para as bibliotecas escolares, con recursos que fomenten a igualdade e a coeducación.

Respecto ao ámbito da formación, vaise facer especial fincapé tanto na formación do profesorado como na formación de formadores. Neste senso está prevista unha ampliación progresiva da oferta formativa a través do Plan de Formación do Profesorado que cubra todas as áreas relacionadas coa igualdade (corresponsabilidade, currículo escolar, protocolos de actuación, educación afectivo-sexual,…), e incluirase a perspectiva de xénero no curso de formación inicial do novo persoal funcionario docente.

Outro dos obxectivos marcados é facer partícipes ás familias, a través do impulso das escolas de nais e pais, e a implicación nos programas de innovación educativa.

Romper coa fenda na Formación ProfesionalTodas as medidas serán aplicadas para as distintas etapas educativas, con materiais e actividades para cada treito de idade. Non obstante a conselleira avanzou que no ámbito da Formación Profesional vaise constituír un grupo de traballo conxunto cos equipos directivos e profesorado dos 20 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) que hai en Galicia co fin de traballar na orientación profesional e igualitaria para romper coa fenda de profesións moi masculinizadas ou moi feminizadas.

A idea -segundo explicou Carmen Pomar- é que os resultados acadados neste grupo de traballo sirvan de código de bosas prácticas para o resto dos centros.

O impulso da educación en igualdade é un aspecto fundamental para construír unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia de xénero. Por iso, nos últimos anos a Xunta vén impulsando un amplo abano de iniciativas neste ámbito, como a implantación de dúas materias de libre configuración -”Igualdade de xénero” e “Coeducación para o século XXI”-; un Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos 2016-2020; ou a posta en marcha dun ciclo formativo de Formación Profesional Superior “Promoción da igualdade de xénero”.

Ademais, este acordo en materia educativa forma parte das distintas iniciativas que está poñendo en marcha a Xunta para desenvolver o Pacto de Estado contra a violencia de Xénero en Galicia, e que suporá un investimento de máis de 15 millóns de euros ao longo deste ano. A principios de mes xa se asinaron dous acordos coa Consellería de Cultura e Turismo para poñer en marcha accións en bibliotecas, festivais e festas de interese turístico. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre