Inicio Galicia A Xunta impulsa unha nova campaña arqueolóxica no galeón San Giacomo de...

A Xunta impulsa unha nova campaña arqueolóxica no galeón San Giacomo de Ribadeo

0

A intervención promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade conta cun equipo técnico internacional e a colaboración da Armada Española

A Xunta de Galicia investirá 23.000 euros nunha nova campaña da intervención integral que se vén efectuando no galeón San Giacomo dei Galizia, en Ribadeo, desde o ano 2018. Nesta ocasión está previsto levar a cabo, durante tres semanas, unha intervención arqueolóxica no costado de babor co obxectivo de obter unha visión transversal e avanzar no coñecemento da arquitectura naval da Coroa Española e dos grandes buques militares dese momento.

O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados até o momento da súa época e, estes últimos anos, está a aportar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI. Neste sentido, cómpre lembrar que foron moi poucas as ocasións nas que se puideron estudar embarcacións españolas da época, e nunca no estado de conservación e da categoría do buque que nos ocupa.

Comprender este proceso é de capital transcendencia no estudo da historia naval mundial, pois será a partir dos avances na arquitectura naval hispano-portuguesa do século XVI cando se produza a expansión marítima europea, que ao cabo permitiu a este continente exercer un dominio neste eido durante séculos.

O equipo técnico que participa nesta campaña confórmano profesores universitarios e investigadores de prestixiosas institucións científicas internacionais como o CSIC, a Universidad de Valencia, a University of Texas, a University of Wales Trinity Saint David e a Newport Ship que contan cunha dilatada experiencia na xestión e dirección de proxectos de arqueoloxía subacuática ao longo de todo o continente europeo e americano. Cóntase, asemade, coa achega da Armada Española, que en todo momento se amosou disposta a colaborar nesta actividade científica.

Resultados da anterior campañaAs campañas desenvolvidas nos anos 2018 e 2019 pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade consistiron na realización de sondaxes arqueolóxicas para caracterizar o pecio, concluíndose a existencia dunha grande cantidade de madeira estrutural cun estrato arqueoloxicamente fértil e que conserva, no seu interior, numerosos elementos de interese patrimonial e cuxa potencia se estima moi importante.

Ademais, recuperáronse algúns dos obxectos e xeorreferenciouse e caracterizouse un pecio próximo, sito ao noroeste do galeón.

Antecedentes e estadoAté o ano 2018, as diferentes actuacións levadas a cabo neste xacemento consistiron na toma de datos para a conservación e o estudo dendrocronolóxico para a datación dos restos. Aínda que ambas tarefas resultaron relevantes para o coñecemento científico do xacemento, na actualidade está a traballarse nun estudo integral do pecio. Unha tarefa que está a permitir afondar no coñecemento do estado de conservación e o alcance da estrutura conservada; así como realizar actuacións complementarias para completar os traballos de rexistro e documentación dos restos visibles.

En canto á conservación actual do buque, ao longo de todos estes anos tense constatado que o sedimento do fondo é altamente dinámico, cunha capa de area superficial que se despraza por efecto das correntes. Na actualidade o sistema de cubrición mediante malla tridimensional aplicado sobre determinados puntos do pecio demostrouse moi eficaz, estando todos eles cubertos desde o ano 2012 en case a súa totalidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre