Inicio Galicia A Xunta impulsa unha campaña para fomentar a prevención de riscos no...

A Xunta impulsa unha campaña para fomentar a prevención de riscos no manexo do tractor

0

O obxectivo da iniciativa, froito da colaboración das administracións públicas, é concienciar e reducir a sinistralidade, especialmente no rural

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, está a desenvolver unha nova campaña dirixida á prevención de riscos laborais no manexo do tractor que ten como obxectivo concienciar e reducir a sinistralidade neste eido, especialmente no rural, sensibilizando á poboación para que incorpore nas súas tarefas cotiás a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a directora do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja; o xefe provincial de Tráfico en Lugo, Ángel Álvarez, e o xefe do destacamento de tráfico da Garda Civil de Monforte, Daniel Moro, presentaron hoxe en Lugo esta iniciativa.

A campaña, froito da colaboración das administracións públicas, estará presente en toda a provincia, con especial atención no medio rural e nos 51 concellos nos que se rexistran maior número de accidentes con tractor.

Vai dirixida non só á poboación traballadora senón tamén ao resto da cidadanía que utiliza o tractor en actividades no ámbito familiar, e igualmente á poboación máis nova co obxectivo de que incorporen o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar os perigos e os accidentes no manexo do tractor.

Na provincia de Lugo rexistráronse dende o ano 2016 e ata outubro do 2018 un total de 18 accidentes mortais con tractor, dos cales só dous tiveron a consideración de accidentes laborais. No mesmo período, no conxunto de Galicia rexistráronse 53 accidentes mortais, deles tres laborais.

Segundo detallaron na rolda de prensa, o 61% das vítimas rexistradas na provincia de Lugo tiñan máis de 65 anos, e o 89% eran homes. Con respecto ás causas, no 33% dos casos foron por envorcaduras do tractor, o 17% accidentes en vías de circulación, o 17% atrapamentos e o resto producidos por diversos motivos menos representativos.

Informar e concienciarA campaña xirará en torno a tres eixos principais: alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando de cales son as causas máis recorrentes dos sinistros; informar de cales son as causas máis habituais; e achegar as recomendacións básicas, que de terse sempre en conta, evitarían os accidentes ou, polo menos, minimizarían as súas consecuencias.

Deste xeito, na documentación que se entrega aos usuarios de tractores recóllese información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos riscos neste eido: a seguridade viaria, a protección de toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura.

Así, repartiranse por toda a Comunidade 18.000 fichas informativas e 5000 carteis con información sobre as causas máis recorrentes dos sinistros e as recomendacións básicas que poden evitar accidentes ou, polo menos, minimizar as súas consecuencias.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, distribuirá este material en 138 localidades a través de diversos puntos: concellos, centros de saúde e sociais, farmacias, comercios de maquinaria agrícola, puntos de venda de material e produtos agrícolas, colexios e institutos, cafeterías e bares, clínicas veterinarias e cooperativas agrarias e gandeiras.

Así mesmo, facilitará a información á Consellería do Medio Rural para a súa distribución nas oficinas agrarias comarcais e nas unidades tramitadoras do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA). Mentres que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta colaborará no reparto a 70 concellos que teñen agrupacións de voluntarios de protección civil. O ISSGA tamén facilitará 7500 trípticos informativos á Garda Civil de Tráfico para o seu reparto en controis en vía pública en toda a Comunidade. A documentación tamén difundirase a través da páxina web do ISSGA e das súas redes sociais (twitter e facebook). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre