Inicio Galicia A Xunta impulsa o primeiro plan de continxencias das Illas Atlánticas para...

A Xunta impulsa o primeiro plan de continxencias das Illas Atlánticas para coordinar a resposta ante posibles casos de contaminación mariña accidental

0

As Consellerías de Medio Ambiente e do Mar, o Intecmar, a Universidade de Vigo e o Cetmar colaboraron na elaboración do protocolo co fin de mellorar a protección do único parque nacional declarado na comunidade

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xa ten o seu propio plan de continxencias por contaminación mariña accidental, un documento específico elaborado pola Xunta froito do traballo do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) xunto coa dirección do Parque Nacional da Illas Atlánticas e en colaboración coa Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) para mellorar a protección dos valores patrimoniais que atesoura este espazo natural.

Tras facer un percorrido en barco bordeando o arquipélago das Cíes, as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, participaron na presentación deste protocolo, que se enmarca no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) e é o primeiro que aborda de forma específica a situación das Illas Atlánticas con relación a posibles accidentes e emerxencias marítimas.

Neste sentido, a responsable autonómica de Medio Ambiente incidiu no “incalculable valor” do patrimonio que alberga o conxunto formado polos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, que no ano 2002 se converteron no primeiro e ata hoxe único parque nacional da comunidade. Por iso e debido á súa particular localización, “moi próximo a importantes rutas marítimas e tamén á franxa costeira das rías”, Ángeles Vázquez considerou necesario contar cun “protocolo de actuación” coma este, que inclúa “medidas efectivas” ante eventuais accidentes provocados pola actividade humana.

Concretamente, o plan de continxencias deseñado para o parque nacional axústase ao criterios e requirimentos do Sistema Nacional de Resposta ante este tipo de eventualidades, pero parte dunha análise de riscos específica de cada illa, para identificar os distintos niveis de exposición. Ademais, nel se determina o procedemento a seguir ante unha situación de contaminación mariña accidental, disponse a estrutura organizativa que interviría na resposta e dita os procedementos de limpeza e descontaminación que se deben seguir.

Deste xeito, como explicou a titular de Medio Ambiente, preténdense establecer medidas concretas que garantan unha “áxil e axeitada resposta” ante posibles emerxencias derivadas dunha contaminación mariña accidental, co dobre obxectivo de protexer os valores naturais, socioeconómicos e culturais que alberga o parque, e minimizar á vez as consecuencias ambientais deste tipo de episodios.

Precisamente, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, lembrou a importancia da prevención e a preparación fronte aos episodios de contaminación mariña como clave para minimizar os impactos socioeconómicos e ambientais derivados deles. Neste sentido, enxalzou a importancia do Plan Camgal, porque supuxo unha mellora na coordinación fronte a estes episodios facilitando que as actuacións sexan máis rápidas, se minimice o impacto no medio mariño e se implique tamén nesta loita aos concellos do litoral.

A titular de Mar salientou ademais que o Plan de continxencias específico para o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia presentado hoxe é o único de España deseñado para unha zona con este nivel de protección medioambiental. Por iso, eloxiou o traballo realizado polo Intecmar, un centro “que traballa, estuda e investiga para protexer, rexenerar e mellorar a xestión do medio e dos recursos mariños”. “O mar é o noso medio de vida e debemos facer o posible para que siga sendo fonte de riqueza. De nós depende deixar ás xeracións futuras unha Galicia na que o mar continúe a ser un dos principais motores de desenvolvemento rexional”, concluíu Rosa Quintana.

O plan de continxencias ten unha vixencia temporal ilimitada pero deberá revisarse cada cinco anos e modificarse de ser necesario se hai cambios normativos ou xorden outras necesidades que o aconsellen.

Aprobación do PRUX e candidatura á UnescoEste novo protocolo de continxencias por contaminación mariña accidental súmase á recente aprobación do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Nacional das Illas Atlánticas, en vigor desde febreiro e que regula como facer compatible a preservación dos valores naturais co seu desfrute de forma responsable e sostible por parte de turistas e veciños. Grazas a ambos documentos, como lembraron as dúas conselleiras, este espazo natural avanza con paso firme de cara a ser recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, unha candidatura que a Xunta de Galicia xa ten a estas alturas moi perfilada.

Nesta liña, Ángeles Vázquez tamén se referiu á recente aprobación no Parlamento da Lei de Patrimonio Natural, que sae precisamente publicada hoxe no DOG e cuxo obxectivo pasa por ofrecer unha protección transversal de todos os elementos que conforman a “Galicia verde e azul”. Este novo marco lexislativo, segundo dixo, entrará en vigor o vindeiro 27 de agosto e contribuirá a reforzar as garantías de conservación dun patrimonio que, como no caso das Illas Atlánticas, pertence a todos os galegos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre