Inicio Galicia A Xunta impulsa o achegamento da mocidade ao legado arqueolóxico de Galicia...

A Xunta impulsa o achegamento da mocidade ao legado arqueolóxico de Galicia cun campo de voluntariado na Ciadella

0

Mozas e mozos entre os 18 e os 30 ano participan nesta actividade, que é unha das novidades da Campaña de Verán deste ano


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, xunto coa directora de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, visitaron esta tarde ao grupo de mozas e mozos que participan no campo de voluntariado que se está a desenvolver ao redor do campamento romano de A Ciadella, un xacemento arqueolóxico no que a Xunta de Galicia inviste preto de 250.000 euros para a súa recuperación e posta en valor.

Como complemento a esta intervención impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo e que desenvolve un equipo de arqueoloxía e conservación-restauración da Universidade de Vigo, rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 traballan no acondicionamento e limpeza do xacemento e tamén fan tarefas de catalogación e dinamización de todo o descuberto. Esta actividade, guiada e supervisada polos técnicos, é unha das novidades da Campaña de Verán deste ano da Xunta de Galicia.

Este campo comezou o pasado domingo, día 19, e se prolongará ata o xoves, día 30, e entre os materiais atopados neste xacemento salientan ánforas e outras pezas de cerámica, así como moedas que abranguen desde a época do emperador Domiciano (ano 86 d.

C) ata Claudio o Gótico (ano 270 d.

C). Ademais dos labores na Ciadella, o campo inclúe toda unha serie de actividades complementarias, como obradoiros de queixo, pan e cestería; excursións a Sobrado dos Monxes, a Lugo, ao Castro de Baroña e a Corrubedo; veladas e foliadas.

O campo de voluntariado da ‘Ciadella’ é un dos tres que desenvolven en conxunto a Consellería de Política Social e a Consellería de Cultura e Turismo, xunto co campo ‘A idade do bronce’, en Campo Lameiro (Pontevedra); e o de ‘Castro de Viladonga’, en Castro de Rei (Lugo).

A Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.

Investimento de preto de 240.000 eurosA intervención arqueolóxica iniciouse o pasado mes de marzo. Trátase dun proxecto que, impulsado pola Xunta de Galicia cunha achega de preto de 250.000 euros e desenvolto pola Universidade de Vigo, pretende afondar no coñecemento deste asentamento militar construído no século II despois de Cristo.

Os traballos realizados ata agora, nos que participaron doce persoas, técnicos e auxiliares de arqueoloxía, permitiron descubrir unha gran parte da estrutura do campamento, así como un camiño perimetral ou fases de reocupación civil do xacemento datadas a finais do século IV e outra posterior, xa do século VI en diante, que inclúe unha zona de necrópole posiblemente das épocas tardoantiga e altomedieval que non era coñecida en toda a súa extensión. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre