Inicio Galicia A Xunta impulsa en Ribeira a formación para o emprego a través...

A Xunta impulsa en Ribeira a formación para o emprego a través dun Programa integrado para 100 mulleres

0
image_gallery.jpg

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe na localidade coruñesa na presentación da iniciativa que organiza a asociación Amicos e apoia a Consellería de Emprego e Igualdade con máis de 217.000 euros


A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe en Ribeira na presentación do programa integrado de emprego (PIE) que desenvolve a asociación Amicos e que conta co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade a través dunha axuda de 217.000 euros. Na iniciativa, dirixida exclusivamente para mulleres, participan 100 persoas co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e poder atopar un traballo o antes posible.

Lado agradeceu a Amicos o labor que desenvolve coas persoas con discapacidade e en risco de exclusión social e destacou a importancia de levar a cabo programas de formación para que os galegos e galegas sen emprego e con máis dificultades para atopar un posto de traballo poidan mellorar as súas opcións. Neste senso, a directora xeral sinalou que a Xunta vén de adaptar a Axenda de Emprego ao novo contexto xerado pola covid-19 para que as familias máis afectadas poidan superar os efectos da crise sanitaria o antes posible. “Desde o Goberno galego continuaremos apoiando os instrumentos dirixidos á mellora da ocupabilidade e da inserción laboral”, apuntou Lado, quen explicou que os programas integrados de emprego son unha ferramenta que promove a Xunta para acadar este reto.

Así, a Administración autonómica vén de conceder axudas por un investimento de 8,2 millóns de euros para a posta en marcha de 34 programas integrados de emprego cos que se incrementarán as oportunidades laborais dun total de 3.400 galegos e galegas. As 100 mulleres que participarán na iniciativa de Amicos, en Ribeira, recibirán ao longo de doce meses información, orientación, asesoramento e formación, todas elas accións dirixidas á súa inserción laboral. Ademais, as alumnas terán a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna. O desenvolvemento do programa integrado de emprego inclúe o compromiso dunha inserción laboral do 45% do alumnado como mínimo. Os participantes reciben unha atención específica para a súa incorporación ao mercado laboral cunha cualificación dun mínimo de 300 horas orientada á obtención de polo menos un certificado de profesionalidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre