Inicio Galicia A Xunta impulsa en Poio o emprego na hostalería, agricultura ecolóxica, limpeza...

A Xunta impulsa en Poio o emprego na hostalería, agricultura ecolóxica, limpeza e comercio a través dun programa integrado

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na presentación da iniciativa, que se leva a cabo en colaboración co Concello, para incrementar as oportunidades laborais de 100 persoas sen emprego

A Xunta está a impulsar en Poio o emprego nos sectores da hostalería, agricultura ecolóxica, limpeza e comercio a través do programa integrado Poio#Integra no que están a participar 100 desempregados, principalmente persoas con capacidades diferentes, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos e maiores de 45 anos.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na presentación da iniciativa, que se desenvolve en colaboración co Concello de Poio. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia ao 100% o programa que conta cun orzamento de 250.000 euros. O obxectivo de inserción laboral cando remate o curso é do 40%. Neste senso, Marnotes salientou o bo resultado dos programas integrados de emprego que teñen como reto principal incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. É un proceso destinado a mellorar a situación social e laboral das persoas a través de distintas fases e cunha intervención de carácter personalizado.

A formación que recibirán os participantes en Poio#Integra permitiralles obter, ao finalizar o curso, un certificado de profesionalidade en operacións básicas de restaurante e bar. Ademais, impartirase formación en agricultura ecolóxica e vinculada aos sectores da hostalería, limpeza e comercio. Así mesmo, ofrecerase cualificación transversal en orientación laboral, novas tecnoloxías e inglés.

O director xeral sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

Na actualidade, estanse desenvolvendo en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

Nesta edición do programa priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Na provincia de Pontevedra son 18 os concellos adheridos a este convenio. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre