Inicio Galicia A Xunta impulsa en Buño a formación das redeiras galegas no marco...

A Xunta impulsa en Buño a formación das redeiras galegas no marco do proxecto Enredadas

0

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitaron o curso ‘Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos’ que remata esta fin de semana

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Buño (Malpica de Bergantiños) o curso Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos que se celebra desde finais de outubro e finaliza esta fin de semana. A iniciativa forma parte do proxecto Enredadas, a través do cal a Xunta impulsa a formación do colectivo de redeiras galegas co obxectivo de diversificar o seu oficio tradicional.

Esta iniciativa de formación estalle a permitir a 12 redeiras artesás, que desenvolven a súa actividade nos portos de Cariño, Corme e Malpica, iniciar unha nova aprendizaxe da man da deseñadora de moda Rosalía Castro. A partir das técnicas do seu oficio están a coñecer o proceso creativo na moda, así como aprender a experimentar con novos materiais e técnicas co obxectivo de crear coleccións de produtos e de complementos de moda para a súa comercialización.

Tamén no marco de Enredadas, no que colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería do Mar, estase a desenvolver o curso online Xestión básica da actividade comercial. Análise de produción e prezos de venda, deseñado co obxectivo de servir de ferramenta para que as redeiras desenvolvan precisamente esa parte da súa actividade que está enfocada a outros ámbitos. O curso, que remata o 25 de novembro, está impartido polos consultores Pablo López, Tania Aira e Adriana Hermida, da empresa Implicatum.

Inscricións abertasAdemais, a Fundación Artesanía de Galicia abre o prazo de inscrición no último dos cursos formativos dirixidos ao colectivo das redeiras para o ano 2020. Trátase do Curso de iniciación para a aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración que se desenvolverá os días 21, 22, 28, 29 de novembro e o 5, 11 e 12 de decembro. Como no caso anterior, cóntase coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños para o uso das instalacións do Centro de Artesanía e Tradición de Buño. As inscricións para este curso están abertas xa na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia (artesaniadegalicia.xunta.gal).

Da man da deseñadora Raquel Sousa, as redeiras aprenderán a empregar as técnicas do seu oficio para crear novos produtos vinculados ao fogar, un sector no que a artesanía se atopa en claro crecemento.

Enredadas constitúe un exemplo de diversificación do oficio tradicional das redeiras en Galicia, que está a abrir novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre