Inicio Galicia A Xunta impulsa con 73.500 euros seis novos contratos en concellos lucenses...

A Xunta impulsa con 73.500 euros seis novos contratos en concellos lucenses ao redistribuír remanentes de programas de emprego

0

O delegado territorial, Javier Arias, explica que proceden do Aprol Rural e da orde para a incorporación laboral de perceptores da Risga, que suman na provincia 204 contratacións e 2,6 millóns de investimento

A Consellería de Emprego e Igualdade impulsa a contratación de seis traballadores desempregados nos concellos de A Fonsagrada, Cervantes, Vilalba e Viveiro, aos que destina un orzamento de 73.500 euros procedentes da redistribución de remanentes de dous programas de fomento do emprego.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se trata de axustar o orzamento do Aprol Rural e da orde para a contratación de perceptores da Risga, medidas que suman un investimento global de 2,6 millóns de euros na provincia de Lugo. Dos 204 contratos subvencionados con este orzamento, cinco decaeron por renuncia dos concellos e un por non axustarse aos requirimentos das bases, “de forma que reasignamos de novo as contías antes de pechar o exercicio orzamentario para non perder ese investimento”, aclarou Arias.

No que respecta ao Aprol Rural, A Fonsagrada, Cervantes e Vilalba contaban cun traballador subvencionado e agora incorporan outro cada un, cun custo adicional de 41.250 euros en total. Pola súa banda, Viveiro poderá contratar a tres persoas que estean a percibir a Renda de Integración Social de Galicia, cunha achega de 32.300 da consellería.

Segundo o establecido en ambos programas, a Xunta asume os custes salariais totais -salario e seguridade social- durante nove meses. O obxectivo é mellorar a empregabilidade nos concellos rurais, especialmente de persoas en risco de exclusión social, ao tempo que se incrementa a dotación de persoal dos servizos municipais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre