Inicio Galicia A Xunta impulsa con 4 millóns de euros a modernización dos servizos...

A Xunta impulsa con 4 millóns de euros a modernización dos servizos de 550 establecementos turísticos de cara ao Xacobeo 2021

0

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e representantes do Igape expuxeron en Santiago os novos programas de apoio ao sector de aloxamento recollidos no Plan MAT de mellora dos establecementos de cara ao Ano Santo


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e representantes do Igape participaron hoxe na xornada informativa sobre o Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, que ten como obxectivo incentivar a creación de novos establecementos, mellorar os xa existentes e apoiar as iniciativas do sector turístico con instrumentos financeiros.

Durante o acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura, Nava Castro destacou a vontade da Xunta de Galicia por fortalecer ao sector turístico con medidas como o Plan MAT, no que están implicados ata cinco departamentos do Goberno autonómico. “Seguimos dando pasos para que Galicia avance como destino competitivo e de calidade”, explicou. O plan, que reordena e amplía as liñas de subvencións que se levaban a cabo neste eido, conta cunha batería de ordes de axudas das que hoxe se presentaron as dúas primeiras. Nelas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería de Cultura e Turismo destinan 4 millóns de euros coa previsión de beneficiar a 550 establecementos galegos.

A Consellería de Cultura e Turismo inviste 1 millón de euros nunha orde en concorrencia competitiva para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento regrado da Comunidade. Poderán cubrirse accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, obras para a optimización das instalacións para obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística, ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.

Tamén se inclúen traballos de climatización que favorezan a sustentabilidade a través de medidas de aforro enerxético, a modernización das instalacións e o embelecemento do entorno ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento nas súas diferentes tipoloxías.

Poderán ser beneficiarios os establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas. Deberán acreditar unha antigüidade na actividade non inferior á cinco anos. Ademais, tamén se valorará o grao de investimento, o impacto no emprego, o tamaño da entidade e que estean en posesión tanto dalgún certificado de calidade para o sector turístico como dalgunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida. Tamén se terá en conta que a empresas solicitantes teñan implementados un plan de igualdade ou de formación. O prazo de presentación de solicitudes para esta liña remata o 28 de febreiro.

Destino máis competitivoNa xornada, tamén interviñeron representantes do Igape, que informaron da posta en marcha por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria do Reforma TUR 2019, que contará cun orzamento de 3 millóns de euros e unha mobilización estimada de máis de 24 millóns para axudar aos establecementos hoteleiros a reformar as súas instalacións e dar resposta así ás necesidades dos viaxeiros, en especial de cara ao vindeiro Xacobeo 2021.

O programa achegará axudas que cobren o 25% e xeran rebaixas do 50% nos gastos de compra de materiais para a reforma dos establecementos, ao sumar o desconto a facer polas empresas adheridas ao programa. Poderán acollerse ao Reforma TUR 2019 os titulares de establecementos hoteleiros cun máximo de 40 prazas dentro da categoría de hoteis, hoteis balneario e hoteis talaso; os establecementos de turismo rural situados no Camiño de Santiago; e os albergues privados situados nesta mesma ruta.

O custo dos produtos adquiridos ao abeiro do Reforma TUR 2019 deberá estar entre 10.000 e 100.000 euros por beneficiario, e as axudas públicas máximas poderán acadar os 25.000 euros. O prazo para a presentación de solicitudes de axuda, que serán resoltas por vía telemática en cuestión de días, está aberto para as entidades colaboradoras ata o 28 de marzo e para os locais hoteleiros abrirase do 28 de febreiro ata o 30 de abril. As solicitudes dos beneficiarios serán presentadas nos establecementos adheridos ao programa, que na edición anterior do Reforma 17 foron 425.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Reforma TUR 19, reafirma o impulso positivo conseguido co Reforma 15, Reforma 16 e Reforma 17, que permitiron realizar obras de modernización en máis de 11.000 fogares galegos coa participación de máis de 400 establecementos de materiais de construción e mobilizando máis de 76,6 millóns de euros.

Cara o Xacobeo 21Coa activación do Reforma TUR 2019 e as axudas de Turismo, a Xunta busca manter a dinamización das empresas de materiais de construción e incentivar o sector turístico en Galicia, particularmente nos establecementos de menor dimensión e capacidade. Estas dúas medidas están englobadas no Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, co que o Goberno galego quere impulsar a competitividade do sector, a formación e calidade continua, a innovación e a comercialización e busca de sinerxías, para seguir configurando un destino máis competitivo e con novos e mellores servizos de cara ao Xacobeo 2021.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre