Inicio Galicia A Xunta impulsa a programación de actividades de dinamización da lectura en...

A Xunta impulsa a programación de actividades de dinamización da lectura en 227 bibliotecas públicas de 180 concellos

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas polas que o Goberno autonómico inviste case 200.000 euros para o desenvolvemento do programa ‘Ler conta moito 2020’


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da liña de axudas a entidades locais coas que a Xunta facilita a programación de actividades de dinamización de lectura nas bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ao abeiro do programa Ler conta moito. Na edición deste ano resultaron beneficiarios un total de 180 concellos que programarán as actividades en 227 bibliotecas públicas.

Ao abeiro desta liña, dotada con preto de 200.000 euros, as entidades locais beneficiarias programarán un mínimo de dúas actividades do catálogo Ler conta moito 2020 de maneira que cada concello poderá recibir unha achega que cubra ata o 75% dos gastos.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, continúa impulsando así Ler conta moito, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas que se desenvolve en colaboración coas entidades locais. Trátase dunha programación que ten como obxectivo contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir.

Ademais, o desenvolvemento destas actividades de dinamización no ámbito da biblioteca permiten reforzar o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que as propias bibliotecas proporcionan.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre