Inicio Galicia A Xunta impulsa a posta en marcha de medidas de carácter integral...

A Xunta impulsa a posta en marcha de medidas de carácter integral para previr a violencia de xénero e apoiar ás vítimas

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en comisión parlamentaria o Informe anual de violencia de xénero, correspondente a 2017

A Xunta está a impulsar nos últimos anos a posta en marcha de medidas en distintos ámbitos co fin de prestar unha atención integral ás vítimas de violencia de xénero e co obxectivo tamén de promover unha maior sensibilización ante esta lacra no conxunto da sociedade.

Así o destacou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o Informe anual de violencia de xénero correspondente a 2017. Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. O pasado 9 de abril xa se remitiu este informe ao presidente da Cámara galega e aos catro grupos parlamentarios.

López Abella comezou facendo un breve repaso polos principais indicadores sobre a violencia de xénero en Galicia durante o pasado ano. Ao respecto, lembrou que en 2017 rexistráronse en Galicia 3 asasinatos por violencia de xénero: dúas mulleres (no Carballiño e Redondela) e un menor (en Oza-Cesuras).

No que se refire ás ordes de protección, en Galicia os xulgados de violencia sobre a muller ditaron un total de 1.284 ordes. En canto ás denuncias, rexistráronse en Galicia no pasado exercicio un total de 6.436, o que supón 753 máis que en 2016. Por provincias, a maioría rexistráronse en Pontevedra (2.518); seguida pola Coruña (2.442); Ourense (747); e Lugo (729).

Atención integralNa súa comparecencia, López Abella destacou a necesidade de impulsar medidas en todos os ámbitos para seguir afondando na prevención e loita contra esta lacra. Neste sentido, fixo fincapé en primeiro lugar no ámbito da sensibilización. Ao redor deste eixo, destacou medidas como as campañas do Día europeo contra a trata de persoas ou do Día internacional contra a violencia de xénero; as xornadas de prevención da violencia sexual na mocidade; a campaña entre as comunidades veciñais; ou as accións para informar dos perigos do sexting, ademais dun amplo número de charlas, exposicións ou obradoiros.

Neste ámbito da sensibilización tamén fixo referencia ao proxecto europeo “Draw the line” (Traza a liña), destinado ao empoderamento de mulleres inmigrantes, no que varias mulleres destas comunidades se converten en líderes das mesmas e exercen de axentes multiplicadores.

No que se refire á formación, López Abella fixo especial fincapé na publicación o pasado 1 de agosto do decreto que regula a formación en igualdade e prevención da violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración autonómica, e que sitúa a Galicia á vangarda do Estado nesta materia.

A Xunta tamén outorga especial importancia ás accións no eido educativo, cuxa folla de ruta vén marcada polo I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia, que se está executando a bo ritmo. Neste punto educativo, a secretaria xeral tamén fixo mención a que durante o ano 2017 houbo 66 alumnos/as afectados por cambios de centro derivados de casos de violencia de xénero, para os que sempre se procede á escolarización inmediata.

En canto ás medidas de asistencia, a Xunta ten en marcha un amplo abano de iniciativas. Así, por exemplo, as vítimas poden acceder a programas de atención psicolóxica específica, tanto para mulleres como para menores ou outras persoas dependentes, así como tamén para homes que presentan comportamentos inadecuados ou violentos. Ademais, recentemente tamén implementaron os respectivos programas pilotos de intervención para mulleres e menores vítimas de abuso sexual.

Apoio e coordinación institucionalNo ámbito da protección e asistencia, a Xunta ten a disposición das vítimas atención e asesoramento xurídico; exerce a acción popular en caso de morte por causa de violencia de xénero (14 personacións ata o momento); e conta co Sistema de seguimento integral da violencia de xénero (Viogen).

O eido da formación e do emprego é tamén fundamental para a atención e, moi especialmente para a recuperación, das vítimas. Para avanzar nesta liña, a Secretaría Xeral da Igualdade ten posto en marcha unha liña de axudas para o desenvolvemento de programas de inserción, nos que nos últimos dous anos participaron 527 participantes e 85 mulleres acadaron a inserción laboral. Ademais, entre outras medidas, a Xunta tamén apoiou o Protocolo para a detección e tratamento na empresa de situacións de violencia de xénero.

Xa no que se refire ás medidas económicas, a Xunta ten aberto de forma permanente o prazo para solicitar as axudas de pagamento periódico para as vítimas. O número de beneficiarias desta medida o pasado ano foi de 417 mulleres, 93 máis que en 2016. Tamén teñen á súa disposición as axudas de pagamento único e o fondo galego de garantía de indemnizacións.

Para rematar, no ámbito da cooperación institucional, cómpre tamén destacar como novidades do ano anterior a posta en marcha do mapa de recursos en liña, no que a cidadanía pode localizar os servizos da Administración pública, tanto autonómica, como estatal ou local e a aprobación no verán pasado do Protocolo de coordinación e cooperación institucional entre os distintos axentes implicados para garantir unha actuación integral, áxil e coordinada.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre