Inicio Galicia A Xunta impulsa a loita contra a violencia de xénero con máis...

A Xunta impulsa a loita contra a violencia de xénero con máis orzamento e un amplo abano de medidas

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, deu hoxe conta das actuacións realizadas pola Administración autonómica para dar cumprimento aos acordos parlamentarios na materia

A Xunta fixa como unha das súas máximas prioridades a loita contra a violencia de xénero, de aí que veña dando un impulso ás políticas na materia nos últimos exercicios a través do incremento do orzamento -en case un 37% nos dous últimos anos-, así como grazas á posta en marcha dun amplo abano de medidas.

Así o sinalou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, nunha resposta parlamentaria na que deu conta do cumprimento da Xunta do acordo parlamentario acadado o 24 de xaneiro de 2017 nesta mesma materia.

A responsable autonómica aclarou o estado de cumprimento de cada un dos puntos, que están a executarse na súa totalidade: desde o incremento do orzamento ata, por exemplo, a mellora dos medios e recursos da Administración de Xustiza, entre os que citou a garantía dos mecanismos de separación entre vítimas e agresores no marco dos medios dispoñibles; a garantía de formación especializada do persoal; ou o impulso da atención psicolóxica profesional nas Oficinas de Atención á Vítima, que comezou como un proxecto piloto e que agora xa se presta de forma estable.

No eido da atención psicolóxica, tamén destacan os programas de atención fóra do ámbito xudicial, e que non só abranguen ás vítimas de violencia de xénero, senón tamén aos menores ou persoas dependentes que padezan esta situación, ou a homes con comportamentos agresivos ou inadecuados. A estas iniciativas sumáronse a finais de 2017 dous programas pilotos de intervención con mulleres ou menores vítimas de abuso sexual.

Ademais, tamén sinalou que a Comisión non Permanente de Estudo para igualdade e para os Dereitos das Mulleres xa ampliou o seu Plan de Traballo para tratar o termo feminicidio. En materia normativa, en agosto do ano pasado produciuse un importante avance, coa aprobación do decreto que regula a formación en igualdade e prevención da violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma, o que sitúa a Galicia na primeira liña no desenvolvemento de boas prácticas neste eido.

Xa en materia de educación e sensibilización, recordou que durante 2017 seguíronse implementando medidas de educación, que estaban previstas no I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia; intensificáronse as campañas, entre as que se incluíron iniciativas contra a trata de persoas, contra a violencia de xénero, sobre o sexting, contra os estereotipos, ou sobre a violencia de xénero no novo contexto dixital; e impulsouse a colaboración coas entidades locais, a través de diversas medidas como o fomento das Mesas Locais de Coordinación Institucional.

Por último, López Abella destacou o valor do consenso acadado no Parlamento galego para elevar unha posición única de cara ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O texto, que foi aprobado por unanimidade, foi defendido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Senado en marzo do pasado ano. Ao respecto, a secretaria xeral da Igualdade sinalou que en Galicia se creou unha comisión para realizar un seguimento da execución das medidas previstas neste Pacto, así como outro grupo de traballo para autoavaliar o propio traballo da Xunta.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre