Inicio Galicia A Xunta impulsa a inserción laboral das persoas en risco de exclusión...

A Xunta impulsa a inserción laboral das persoas en risco de exclusión cunha achega de 180.000 euros á asociación ValoReSC

0

O importe axuda a financiar o programa ‘Arca de Noé. Integración e futuro para as persoas’

O director xeral de Inclusión, Arturo Parrado, destacou o impulso da Xunta de Galicia á inserción laboral das persoas en risco de exclusión social coa achega de máis de 180.000 euros que concedeu á asociación ValoReSC. Fíxoo durante a reunión de traballo que mantivo hoxe con representantes desta entidade.

Arturo Parrado salientou o compromiso do Goberno galego coas persoas que máis o precisan con achegas como a que se lle concedeu a esta asociación. Este importe servirá para financiar o programa que ten en marcha a entidade, Arca de Noé. Integración e futuro para as persoas, así como diferentes formacións para mellorar as competencias lingüísticas e dixitais dos usuarios da iniciativa.

Ademais diso, o director xeral explicou que se financiará asesoramento técnico especializado no ámbito das persoas inmigrantes, un servizo que facilita apoio cos trámites de estranxeiría.

O programa Arca de Noé ofrece un servizo personalizado de orientación laboral e mediación entre a empresa e o futuro traballador. Para elo, desenvolve diferentes actividades que van desde a realización de itinerarios de inserción individualizados, ata a captación de ofertas de emprego en consonancia cos perfís dos demandantes. Tamén informan ás empresas sobre as axudas ás que se poden beneficiar na contratación dos seus usuarios co fin de sensibilizalas na contratación de persoas con especial vulnerabilidade.

Arturo Parrado resaltou a política da Administración autonómica destinada ás persoas en risco de exclusión social co obxectivo de acompañalos na obtención de habilidades básicas, tanto para a inclusión laboral como para a integración social.

Neste senso, destacou o importante incremento do importe dedicado a axudas ás entidades de iniciativa social para a realización de actuacións de inclusión social. Concretamente, a orde de subvencións para o período 2018-2020, cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, adxudicou axudas por importe de 15,8 millóns de euros a 124 entidades de iniciativa social de Galicia. Desta cantidade, 2,7 millóns destináronse a proxectos que se están a desenvolver na provincia de Ourense. Este é o sexto ano consecutivo no que se incrementa a contía concedida ao abeiro desta convocatoria, que supera en mais dun 90% o importe concedido na convocatoria 2017-2018.

Ademáis, puxo en relevancia os 119 millóns de euros que os Orzamentos, xa en vigor desde comezos de ano, destinan a Inclusión, un 70% do que se investía hai 10 anos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre