Inicio Galicia A Xunta impulsa a creación dun grupo de traballo para abordar a...

A Xunta impulsa a creación dun grupo de traballo para abordar a prevención e o tratamento da Violencia Sexual

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe o Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero

A Xunta impulsará a creación dunha comisión de traballo no seo do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero para abordar pautas para a prevención e o tratamento das distintas formas de violencia sexual. Dáse así cumprimento ao mandato do Parlamento de Galicia, que o pasado setembro instou ao Goberno galego e a este observatorio a visibilizar e traballar de xeito específico no eido da violencia sexual.

Esta proposta foi unha das presentadas hoxe no Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero que presidiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á que tamén asistiron o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde; o Fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Nesta liña, a Xunta xa incluíu no “Informe anual de Violencia de xénero” sobre 2018 presentado este ano un anexo específico sobre as violencias sexuais, que segundo establece a Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, é unha forma de violencia de xénero.

Durante a xuntanza tamén se acordou dar continuidade ao grupo de traballo dedicado á abordaxe da violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo para acadar a erradicación da violencia machista dende a prevención. O obxectivo deste grupo de traballo é que os nenos e nenas e os adolescentes interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes, tal e como recolle un dos eixos de acción do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Este grupo de traballo foi o encargado de elaborar a “Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo” que se aprobou tamén no encontro de hoxe para a súa publicación e difusión. Esta guía establece procedementos de intervención para os persoal dos centros de ensino sobre a actuación ante situacións de violencia que se produzan nos centros educativos, así como a detección de posibles casos no ámbito familiar do alumnado. O documento inclúe pautas de intervención ante distintos supostos que poderían darse e fichas para rexistrar e comunicar cada caso para a súa resolución.

Pacto de Estado contra a Violencia de XéneroO Pleno abordou tamén o seguimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e presentáronse as medidas desenvolvidas este ano en Galicia das que o Goberno galego xa dou conta o mes pasado no Consello da Xunta.

A Administración autonómica aprobou o pasado marzo o Plan de actuación para a implantación en Galicia das medidas de competencia autonómica incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de Xénero. No Plan programáronse un total de 65 medidas, das que 38 son novas e 27 supuxeron reforzar ou ampliar actuacións que o Goberno galego xa tiña en marcha. A Xunta ten actualmente desenvolvidas practicamente o 100% das accións previstas este ano.

Algunhas das medidas máis novidosas postas en marcha este ano son o apoio integral a menores orfos por violencia machista, a habilitación do apoio económico e social ás vítimas gravemente feridas, ou a implantación das quendas de garda psicolóxica e social.

Composición do ObservatorioNo Observatorio están representados distintos departamentos da Xunta, a delegación do Goberno, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asociacións de mulleres e colexios profesionais vinculados coa prevención e o tratamento da violencia de xénero.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre