Inicio Galicia A Xunta impulsa a creación das casas do maior para mellorar a...

A Xunta impulsa a creación das casas do maior para mellorar a atención á dependencia nos núcleos rurais

0

Destaca que nestas instalacións brindarase atención profesional ás persoas maiores de 60 anos con dependencia moderada ou severa durante un máximo de oito horas diarias

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello a creación das casas do maior, un servizo que brindará atención profesional ás persoas maiores de 60 anos con dependencia moderada ou severa nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

En canto ás características destas casas do maior, Feijóo detallou que nelas poderase atender a cinco maiores, durante un máximo de oito horas diarias, con flexibilidade horaria e garantías de seguridade e calidade.

A este respecto, Feijóo sinalou que o investimento total será de máis de 1,3M€. Unha contía que cubrirá o 100% do investimento necesario para poñer en marcha o dito servizo, con ata un máximo de 15.000 euros para á reforma ou adaptación da casa aos requirimentos e unha prima de 19.600 euros/ano para a atención individualizada. Con estas previsións, abundou, estímase que na primeira convocatoria se impulsen ata 30 casas do maior sendo 90 os concellos susceptibles de contar con este novo recurso.

Leer más:  PPdeG considera que el pacto BNG-Bildu-ERC demuestra que están "desconectados de la Galicia mayoritaria"

Durante a rolda de prensa, tamén precisou que estas axudas van dirixidas tanto aos autónomos como ás cooperativas de traballo nas que polo menos un dos socios conten con algunha das seguintes titulacións: enfermaría e auxiliar de enfermaría, medicina, técnico de atención ás persoas en situación de dependencia, técnico superior de integración social ou cun certificado de profesionalidade ou diploma que acredite a realización de cursos de formación nesta materia.

Do mesmo xeito, o presidente da Xunta subliñou que estas axudas se concederán en réxime de concorrencia competitiva e tendo en conta que non existan recursos comúns de atención ás persoas maiores no concello no que se instale ou que esta instalación contribúa á integración laboral de desempregados de longa duración, menores de 35 anos, maiores de 55 anos, persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% e vítimas de violencia de xénero. Ademais, o profesional deberá vivir no propio concello e contar cun inmoble adecuado ás condicións de accesibilidade.

Leer más:  Interceptan a un conductor que se dio a la fuga en Culleredo (A Coruña) tras colisionar con tres coches

O presidente do Executivo autonómico concluíu a súa intervención aseverando que os galegos destinan hoxe, a través dos seus impostos, máis recursos que nunca ás persoas maiores e con discapacidade, preto de 414M€. De tal xeito que, na actualidade, en Galicia hai máis de 57.000 persoas dependentes atendidas, cunha ratio de cobertura do 84% e que o obxectivo marcado para 2020 de chegar ás 60.000 persoas dependentes atendidas acadarase xa a finais deste mesmo ano.  


- Te recomendamos -