Inicio Galicia A Xunta impulsa a chegada a Galicia do II ?Camiño escena norte'...

A Xunta impulsa a chegada a Galicia do II ?Camiño escena norte' de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco

0

Asinouse o convenio de colaboración para o desenvolvemento deste programa de teatro e danza en sete localidades galegas do Camiño do Norte entre o 13 de setembro e o 11 de outubro


A Xunta colabora por segundo ano consecutivo co programa Camiño Escena Norte de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco, financiando a carteleira de teatro e danza que se despregará do 13 de setembro ao 11 de outubro en sete localidades galegas do Camiño do Norte.

Así se establece no convenio de colaboración asinado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e José Antonio Vitoria Armendáriz, en representación de Camiño Escena Norte, iniciativa impulsada polas asociacións empresariais de produción escénica das catro comunidades: Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).

No documento recóllese, ademais, a cesión por parte do Goberno autonómico do Salón Teatro de Santiago de Compostela como unha das sedes deste programa ao seu paso por Galicia, onde tamén recalará en diferentes escenarios e espazos ao aire libre de Mondoñedo, Lugo, Ribadeo, Sobrado dos Monxes, Vilalba e Arzúa.

Na súa segunda edición, Camiño Escena Norte volverá articular as súas actividades arredor de dous eixos: o Itinerario Constelacións e o Camiño Expandido. O primeiro deles suporá a realización en Galicia de oito funcións a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas, ao tempo que dúas formacións galegas terán a oportunidade de presentar os seus traballos nas outras tres comunidades participantes.

Pola súa banda, Camiño Expandido ofrecerá unha serie de actividades paralelas para explorar as relacións co público e novas posibilidades de intercambio profesional, así como para favorecer a reflexión no marco deste sector.

O Camiño do Norte como ruta culturalA ruta histórica do Camiño do Norte vertebra este proxecto interautonómico co obxectivo de facilitar o coñecemento mutuo entre os profesionais e o público destas catro comunidades autónomas, ademais de contar tamén cunha vertente de dinamización social e turística. Na súa segunda edición, búscase así mesmo afianzar o seu papel como ruta cultural para lles amosar aos espectadores a diversidade cultural, lingüística e de formatos da actual produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre