Inicio Galicia A Xunta impulsa 19 novos proxectos audiovisuais coa resolución da convocatoria ampliada...

A Xunta impulsa 19 novos proxectos audiovisuais coa resolución da convocatoria ampliada das axudas á promoción do talento

0

Con esta medida, contemplada no Plan de reactivación cultural, contribúese á escrita de oito guións e á realización de oito curtas e de tres longametraxes de dirección novel

A Xunta de Galicia adxudicou as subvencións á promoción do talento audiovisual galego, polas que recibirá apoio económico a escrita de oito novos guións, así como a realización de oito curtas e de tres longametraxes con dirección novel. Materialízase así unha das medidas aprobadas no Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico, xa que se resolve a convocatoria destas subvencións, ampliada a partir da crise sanitaria tanto en orzamento como en número de proxectos beneficiarios.

De feito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 29 de xuño as novas bases cun incremento de ata 178.000 euros na súa dotación, un 14% máis respecto da contía inicialmente convocada. Tamén se elevou de 15 a 19 o número de propostas adxudicatarias, de xeito que se reservaron 40.000 euros para oito guións de longametraxes cinematográficas en galego, 48.000 para a produción de oito curtas en versión orixinal galega e 90.000 para contribuír ao financiamento de tres longas.

No apartado de escrita, os autores e títulos que recibirán cadansúa axuda de 5.000 euros son Lucía Estévez para o guión de As defensas, Santos Díaz para Só o ruído pode salvarnos, Ángel Santos para Así chegou a noite, Roberto González para Atlántico ceo, Giselle Llanio para Vidas perras, María Inés Cuadrado para A cotío, Rubén Coca para Detrás da luz e Iria F. Sobrado para Aquagym.

Na categoría de curtametraxes, os seis proxectos que percibirán 6.000 euros para a súa realización son Pellos, de Iván Díaz Nespereira; Ningún río me protexe a min, de Carla Fernández Andrade; Sandwich Cat, de Avelino David Fidalgo; O tempo no que non fun eu, de Marta Rodríguez Valverde; Cartas pra botar, de Sara Pisos Gutiérrez; A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño; Somos Cárcere, de Irene Basanta, e Solanácea, de Borja Santomé.

Primeiros pasos en longametraxeÁngel Filgueira (Redondela, 1992), Rafael de los Arcos (Vigo, 1979) e Carlos Martínez-Peñalver Mas (Vigo, 1991) son os tres realizadores que acometerán longametraxes coa achega de 30.000 euros para proxectos a través desta liña de axuda.

A cooperativa Sétima, unha produtora nacida precisamente para apostar polo novo talento e para apoiar a busca dun discurso conectado coa realidade e inquietudes da mocidade galega, asume Cando toco un animal, de Ángel Filgueira. A proposta parte do guión escrito polo propio realizador en 2017, despois de tomar forma ao seu paso polo LAB do festival Novos Cinemas de Pontevedra e polo VIII Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura de Galicia.

A produtora lucense Gaitafilms, artífice do éxito que supuxo Dhogs, presenta nesta ocasión Verbena, o título que dirixirá Rafael de los Arcos, realizador que xa ten asinadas distintas curtas e mediametraxes, gañador do premio do Público no Festival de Xixón co documental El equipo de mi barrio. Verbena é un documental de corte realista, intervido minimamente a nivel estético, que segue a vida durante o verán dun músico de rock nunha orquestra.

Cunha traxectoria como director de curtas, produtor executivo, montador e realizador de videoclips, Carlos Martínez-Peñalver porase á fronte da súa primeira longa en Serra da Estrela, unha obra que retrata esa zona da montaña lusa, as súas condicións sociais e políticas e a relación entre Galicia e Portugal a través do percorrido e do encontro de dous personaxes de ficción.

Xestionadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), as subvencións á promoción do talento audiovisual galego teñen como obxectivo favorecer a incorporación da nova creación á industria e promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre