Inicio Galicia A Xunta impartirá novos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas as...

A Xunta impartirá novos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas as dúas primeiras fins de semanas de maio

0

Estes cursos terán lugar o sábado, 4 de maio, en Santiago; o domingo 5, en Lalín; o sábado, 11, en Vigo; e o domingo, 12, en Monforte de Lemos


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, impartirá novos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas as dúas primeiras fins de semanas de maio.

O prazo de inscrición nestas xornadas formativas abrirá o vindeiro luns, 22 de abril. Na seguinte ligazón pódese ampliar a información sobre estas actividades e enviar o correspondente formulario para inscribirse.

Estes cursos terán lugar o sábado, 4 de maio, en Santiago de Compostela; o domingo, 5 de maio, en Lalín; o sábado, 11, en Vigo; e o domingo, 12, en Monforte de Lemos.

As actividades están dirixidas aos usuarios de todo tipo de motocicletas, incluídos aqueles con permiso de conducir B+3, A1, A2 e A que queiran mellorar o control da moto dun xeito máis seguro e eficiente.

Esta edición consta de 160 prazas, polo que en cada localidade celebraranse dous cursos, un pola mañá e outro pola tarde. Cada grupo estará integrado por un máximo duns 20 alumnos co fin de poder ofrecer a formación nunhas condicións óptimas.

A formación constará dunha parte teórica, na que se abordarán asuntos como o equipamento para a protección individual, o estado e mantemento da motocicleta, as situacións de risco como a climatoloxía adversa, as freadas, os xiros ou os adiantamentos.

Os asistentes tamén levarán estes conceptos á práctica coa realización de manobras en parado, accións de axilidade e equilibrio, freadas, traxectorias e un itinerario final que inclúe todos os movementos anteriores.

A Axencia Galega de Infraestruturas conta coa colaboración da Unión de Moteros Europeos, Pons Seguridad Vial e da Escuela Nacional de Conducción de Motocicletas para a organización desta iniciativa.

O Goberno galego comezou a impartir este tipo de cursos no ano 2017, xa que a seguridade viaria é unha materia estratéxica e prioritaria, con especial atención aos usuarios máis vulnerables das estradas, os peóns, ciclistas e tamén o colectivo de motoristas.

Estas accións de sensibilización forman parte do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que engloba un conxunto de medidas e liñas de traballo que teñen como obxectivo reducir a sinistralidade viaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre