Inicio Galicia A Xunta impartirá mañá en Lalín unha xornada formativa en condución segura...

A Xunta impartirá mañá en Lalín unha xornada formativa en condución segura de motocicletas

0

A xornada terá lugar no aparcamento do parque empresarial Lalín 2000, cun grupo entre as 8,30 e as 13,30 horas e outro, entre as 15,30 e as 20,30 horas


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impartirá mañá en Lalín unha xornada formativa en condución segura de motocicletas.

A xornada terá lugar no aparcamento do parque empresarial Lalín 2000 e constará de dous grupos, o primeiro asistirá entre as 8,30 e as 13,30 horas e o segundo, entre as 15,30 e as 20,30 horas.

Esta actividade está enmarcada nos cursos gratuítos que a Xunta vén realizando dende o 2017 para incrementar a seguridade dos motoristas, usuarios vulnerables das estradas.

Os cursos comezaron hoxe en Santiago, continúan mañá na capital do Deza, e tamén se impartirán o próximo sábado, 11, en Vigo; e o domingo, 12, en Monforte de Lemos.

As actividades están dirixidas aos usuarios de todo tipo de motocicletas, incluídos aqueles con permiso de conducir B+3, A1, A2 e A que queiran mellorar o control da moto dun xeito máis seguro e eficiente.

A formación constará dunha parte teórica, na que se abordarán asuntos como o equipamento para a protección individual, o estado e mantemento da motocicleta, as situacións de risco como a climatoloxía adversa, as freadas, os xiros ou os adiantamentos.

Os asistentes tamén levarán estes conceptos á práctica coa realización de manobras en parado, accións de axilidade e equilibrio, freadas, traxectorias e un itinerario final que inclúe todos os movementos anteriores.

A Axencia Galega de Infraestruturas conta coa colaboración da Unión de Moteros Europeos, Pons Seguridad Vial e da Escuela Nacional de Conducción de Motocicletas para a organización desta iniciativa.

Estas accións de sensibilización forman parte do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que engloba un conxunto de medidas e liñas de traballo que teñen como obxectivo reducir a sinistralidade viaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre