Inicio Galicia A Xunta identifica 10 novas actuacións para o saneamento da ría de...

A Xunta identifica 10 novas actuacións para o saneamento da ría de Pontevedra con 15 millóns de euros de investimento e solicita implicación dos concellos para facilitar as obras

0
image_gallery.jpg

Das novas intervencións que se prevé acometer, dúas son en Marín, seis en Pontevedra e outras dúas en Poio


Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2020.- A Xunta identificou 10 novas actuacións para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra con 15 millóns de euros de investimento e pediu a colaboración dos concellos para facilitar a execución das obras.

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantiveron unha reunión por videoconferencia da Mesa de saneamento da ría de Pontevedra, na que participaron os concellos de Pontevedra, Marín e Poio e do sector do mar.

Nesa xuntanza, a Xunta presentoulle aos representantes municipais e dos profesionais do mar o resultado do proceso de elaboración do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que xa está concluído e constitúe a ferramenta máis eficaz para coñecer en profundidade os impactos aos que está sometida a ría e pór en práctica as actuacións máis axeitadas para mellorar a calidade das augas.

Vázquez Mourelle detallou que das 10 actuacións identificadas como prioritarias, dúas están en Marín, seis en Pontevedra e outras dúas en Poio.

Tendo en conta que son obras de mellora do saneamento e, polo tanto, actuacións de competencia municipal, a Xunta trasladou a súa disposición a executalas a través de Augas de Galicia para apoiar aos municipios nas súas responsabilidades empregando para o seu cofinanciamento fondos europeos Feder.

Entre as obras identificadas como necesarias, destacan as planificadas na contorna do río Lameira, en Marín; o bombeo de Cocheras ou a estrutura de regulación do Burgo, en Pontevedra; ou o novo tanque de tormentas e bombeo na Seca, en Poio.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou o “inxente apoio técnico e económico” aos concellos para o exercicio das súas competencias que representan as actuacións incluídas no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra.

Este Plan de saneamento local da ría de Pontevedra contén un programa de actuacións cun investimento total de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder, con traballos xa en marcha por 32 millóns e outros proxectados por máis de 15 millóns.

A Xunta elaborou este plan para dispoñer dunha ferramenta que analiza de forma exhaustiva o funcionamento dos sistemas de saneamento que afectan á ría e definir as actuacións prioritarias para solucionar as carencias nos municipios de Pontevedra, Marín e Poio.

No marco destas intervencións, Ethel Vázquez lembrou que en 2018 se iniciaron actuacións estratéxicas como o novo colector e a estación de bombeo en Marín, xa rematada.

Precisou que en 2020 comezaron as obras de mellora da depuradora de Praceres e seguen os avances para iniciar a construción do novo emisario submariño de 3,6 km de lonxitude, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría.

Ademais, avanzou que o proxecto definitivo do emisario se enviará á Dirección Xeral de Costas do Estado nas vindeiras semanas e, se este organismo emite a concesión para a ocupación do dominio público de forma áxil, poderán comezar as obras nos primeiros meses do 2021.

O Goberno galego vén traballando e achegando inxente axuda técnica e económica aos concellos para axudalos a exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento.

A este respecto, as conselleiras reiteraron a necesidade de colaboración por parte dos municipios para executar todas as actuacións necesarias e contribuír de xeito conxunto á mellora do marisqueo, da pesca, do turismo e da calidade de vida dos veciños desta área. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre