Inicio Galicia A Xunta habilitará novas axudas para impulsar a competitividade dos parques empresariais...

A Xunta habilitará novas axudas para impulsar a competitividade dos parques empresariais a través do reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica

0

Feijóo destaca que a Xunta volverá a convocar as axudas destinadas á mellora das infraestruturas dos parques industriais e á construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais co fin de crear viveiros empresariais

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2020.- O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, a convocatoria nas próximas semanas de 3 liñas de axudas, cun orzamento de 7,9 M€ para apoiar unha trintena de iniciativas que permitirán impulsar a competitividade das empresas instaladas nos polígonos industriais e contribuír á captación de novos investimentos.

A principal novidade, dixo, é a oferta dunha nova liña de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica á que se destinarán 4,4 M€ entre os anos 2020 e 2021. Ao que explicou que a dita orde de axuda ten por obxectivo cubrir as necesidades dos parques empresariais de contar con abastecemento de enerxía eléctrica que achegue seguridade e calidade ás demandas das empresas instaladas. Deste xeito, abundou, apoiarase a 5 polígonos para que conten con capacidade para crecer e ter un servizo de calidade. A intensidade da axuda será dun 80% ata un máximo de 1 M€ por solicitude, engadiu.

Sobre este punto, o presidente da Xunta explicou que os beneficiarios serán os concellos que realicen investimentos e que se agarda apoiar 5 iniciativas tendo en conta criterios como a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación, a poboación do concello ou que se trate dun Concello Emprendedor.

Ademais, subliñou que a Xunta volverá a convocar as axudas destinadas á mellora das infraestruturas dos parques industriais. Cun orzamento de 2,5 M€, financiarase un máximo do 80% do custo global dun total de 21 proxectos presentados polos concellos para implantar plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, instalacións comúns destinadas á loita contra incendios e de sistemas contra o roubo de cable.

Máis polo miúdo, explicou que entre os criterios de valoración, terase en conta a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación, a poboación, a agrupación de concellos ou que sexa un Concello Emprendedor ou constituído como consecuencia da fusión municipal. De igual modo, lembrou que esta liña de axudas, que está operativa desde 2002, permitiu impulsar desde entón 559 iniciativas, “en 2019 apoiáronse 57 proxectos”, dixo.

Finalmente e con relación á terceira das ordes de axudas, o titular do Goberno galego subliñou que a Xunta investirá 1 millón de euros para apoiar os gastos necesarios para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais co fin de crear viveiros empresariais. Neste caso, engadiu, o financiamento alcanzará como máximo o 80% do custo, sendo o límite de apoio de 240.000 euros por solicitude e coa aspiración de apoiar a 5 beneficiarios. Ademais, Feijóo fixo balance das 21 iniciativas que se impulsaron desde 2016, 7 delas en 2019.

En definitiva, salientou, un conxunto de medidas, cun 42% máis de orzamento con respecto ao 2019, coas que o Goberno galego busca fortalecer o tecido empresarial e mellorar as infraestruturas da Comunidade impulsando á súa competitividade na liña doutras medidas como a Lei de implantación empresarial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre