Inicio Galicia A Xunta garante que manterá o mesmo modelo de xestión pública na...

A Xunta garante que manterá o mesmo modelo de xestión pública na nova residencia para maiores de Cerdedo

0

O centro, que continuará sendo de titularidade cen por cen pública, será xestionado pola Consellería de Política Social a través do Consorcio


O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitou esta mañá o centro de día e residencia para maiores de Cerdedo. Alí, asegurou que a nova residencia para maiores, que está neste momento en construción, manterá o mesmo modelo de xestión que ten o actual centro de día e residencia, xestionados pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través do Consorcio.

Rodríguez quixo deixar claro que cando estea rematada a obra do novo edificio, tanto a residencia, como o centro de día, continuarán sendo instalacións de titularidade cen por cen pública e que, como ate o de agora, o Consorcio será o encargado da súa xestión. Nese senso, o xerente do Consorcio garante que “se incrementará o cadro de persoal en función das novas necesidades que suporán unhas instalacións máis amplas e o aumento da oferta para a atención aos maiores de Cerdedo-Cotobade e a súa área de influencia”.

Compre lembrar que as obras, que comezaron en outubro de 2018, permitirán dedicar en exclusiva a centro de día o actual edificio (que comparte servizos de centro de día e residencia), mentres que o novo inmoble estará ocupado na súa totalidade pola parte residencial, que ampliará a súa oferta en 30 prazas, pasando de 18 a 48.

A previsión é que a nova residencia, na que a Consellería, a través do Consorcio, inviste un total de 1,7 millóns de euros repartidos en tres anualidades (2018, 2019 e 2020), poida entrar en funcionamento a finais do próximo ano 2020. A construción do novo edificio para uso residencial no centro para a atención aos maiores de Cerdedo é posible gracias ao convenio que Política Social e o Concello de Cerdedo-Cotobade asinaran en marzo do ano pasado.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre