Inicio Galicia A Xunta garante a protección dos empregados públicos ante situacións de acoso...

A Xunta garante a protección dos empregados públicos ante situacións de acoso laboral e outras discriminacións

0

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, fixo balance das actuacións ao abeiro do Protocolo aprobado pola Xunta en 2016 para a resolución de casos de acoso e discriminación no traballo

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, explicou hoxe que a Xunta leva anos a traballar na erradicación do acoso laboral e toda conducta discriminatoria no eido da Administración galega e do sector público autonómico, e incidiu no seu compromiso para garantir a saúde, a asistencia e a protección das persoas que sofren estas situacións.

Na súa intervención en comisión parlamentaria, lembrou que o Goberno galego, ten aprobado desde 2016 un Protocolo específico para previr, detectar e resolver os posibles casos de acoso laboral e outras discriminacións por razóns de orixe racial, sexual ou étnica, relixión, discapacidade, idade, lingua ou opinión.

As solicitudes de intervención para a resolución de supostas situacións destas características pode presentarse ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería con competencias en materia de persoal ou no Comité de Intervención creado con este protocolo. Neste sentido, Natalia Prieto fixo balance das actuacións no marco deste protocolo e nos seus tres anos en funcionamento, este comité recibiu un total de 38 denuncias, das que se resolveron 28, mentres que 10 seguen en investigación.

Ademais, das 28 denuncias nas que finalizaron as actuacións, 11 delas foron arquivadas ou non admitidas e dos 17 asuntos restantes nos que o Comité de intervención emitiu unha valoración, só en dous casos se instou a incoar información reservada e, de ser preciso, iniciar os procesos para esixir responsabilidades.

O Comité tamén formula recomendacións e medidas preventivas e correctoras nos distintos departamentos, aínda sen existir acoso laboral, co obxectivo de previr e evitar estas situacións.

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa tamén sinalou que o prazo medio de tramitación das 28 denuncias resoltas foi de arredor de catro meses, cumprindo así cos tempos máximos de seis meses marcado no Protocolo de acoso laboral para emitir o informe correspondente a Secretaría Xeral Técnica ou o órgano con competencias en persoal, que a súa vez terá outros dez días hábiles para emitir a súa resolución.

O protocolo establecía inicialmente un prazo de 30 días para facer o informe pero, a petición das organización sindicais, levouse a cabo esta ampliación que foi votada de forma favorable por todas elas.

O Comité de Intervención está formado por catro representantes da Administración -dous deles do Servizo de Riscos Laborais- e catro das organizacións sindicais máis representativas en prevención e actuacións en situacións de acoso. O Protocolo recolle que os membros deste órgano contan con formación especializada e, a maiores, a Xunta dou resposta as demandas formativas a través de cursos como os levados a cabo nos meses de maio e xuño.

Para garantir a protección das persoas implicadas no proceso, previa audiencia das mesmas, poderase propoñer a súa posible mobilidade co fin de evitar maiores prexuízos e respectando a normativa de función publica de aplicación.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre