Inicio Galicia A Xunta galardoa 39 alumnas e alumnos cos premios extraordinarios de bacharelato...

A Xunta galardoa 39 alumnas e alumnos cos premios extraordinarios de bacharelato e de FP de grao superior

0
image_gallery.jpg

O obxectivo destes galardóns que cada ano outorga a Consellería de Educación é recoñecer e valorar os méritos excepcionais polo excelente resultado académico acadado


A Xunta de Galicia vén de facer público os galardoados cos Premios Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2019/20, e de Formación Profesional de grao superior correspondentes ao curso 2018/19 a un total de 39 alumnos e alumnas, aos que se lles recoñece os méritos excepcionais polo excelente resultado académico acadado.

Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, os beneficiarios son 20 alumnos de Bacharelato e outros 19 alumnos de Formación Profesional, aos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade lles valora publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo que cursou cun excelente resultado académico estas ensinanzas.

BacharelatoA listaxe de galardoados dos 20 galardoados (11 mulleres e 9 homes) pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. Cada un deles recibirá 1.000 euros ademais dun diploma acreditativo, e a distinción será anotada no seu expediente académico.

A Consellería convoca cada ano este galardón co fin de recoñecer o esforzo, traballo e aproveitamento académico dos estudantes que rematan a etapa de Bacharelato nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e que obtivesen unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.

A maiores tiveron que superar unha proba específica estruturada en dúas partes: a primeira consistente na análise e comentario crítico dun texto de carácter xeral, histórico, filosófico e ou literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e ou lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato. Na segunda parte desenvolvéronse temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade cursada polo alumnado.

Formación ProfesionalA Xunta de Galicia outorga os Premios Extraordinarios de Formación Profesional de grao superior a 19 alumnos galegos, que acadaron a máis alta puntuación no baremo para cadansúa familia profesional o pasado curso 2018/19.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica no Diario Oficial de Galicia o listado dos beneficiarios, un total de 10 homes e 9 mulleres, que representan distintas familias de FP como as de Química, Sanidade, Seguridade e medio ambiente, Marítimo-pesqueira, Informática e comunicacións, Actividades físicas e deportivas, Electricidade e electrónica, Téxtil, confección e pel, Servizos socioculturais e á comunidade, Imaxe e son, Hostalaría e turismo, entre outras.

A dotación orzamentaria para estes premios é de 16.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 € por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

Puideron optar a este recoñecemento as e os estudantes que cursasen estudos de FP de grao superior no curso 2018/19 nalgún centro educativo da comunidade autónoma (ben modalidade presencial ou modalidade a distancia) e os rematasen no ano 2019, sempre e cando obtivesen unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos; entre outros requisitos.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre