Inicio Galicia A Xunta formará as redeiras artesás galegas na creación de pezas para...

A Xunta formará as redeiras artesás galegas na creación de pezas para a moda

0
image_gallery.jpg

O curso ‘Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos’ desenvolverase a partir do 24 de outubro en Buño (Malpica de Bergantiños), impartido pola deseñadora Rosalía Castro


A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e en colaboración coa Consellería do Mar, organiza un curso de formación especializado dirixido ás redeiras artesás galegas, no marco do proxecto Enredadas, no que ambos os dous departamentos colaboran desde o ano 2012. Nesta ocasión, a actividade estará orientada á aplicación das técnicas das redeiras na creación de pezas para a moda e os complementos, o que permitirá seguir avanzando na diversificación deste oficio tradicional para buscar novas vías de mercado.

O curso Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos, de 60 horas de duración, estará impartido pola deseñadora de moda Rosalía Castro, e desenvolverase en Buño (Malpica de Bergantiños) os días 24 e 25 de outubro, 6, 7, 8, 14 e 15 de novembro. As inscricións deberanse realizar a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.

Esta iniciativa de formación permitiralle ás artesás iniciar unha nova aprendizaxe, a partir das técnicas do seu oficio, para coñecer o proceso creativo na moda, así como para aprender a experimentar con novos materiais e técnicas co obxectivo de crear coleccións de produtos e de complementos de moda para a súa comercialización. Rosalía Castro é deseñadora de moda e traballa na actualidade para importantes industrias téxtiles. Repite experiencia como docente no proxecto Enredadas, no que se encargou de impartir os cursos de aplicación de redes mariñeiras aos complementos de moda nos anos 2015 e 2016.

Enredadas está a abrir novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016. O desenvolvemento do proxecto está permitindo establecer unha colaboración intersectorial con diferentes axentes: moda, mobiliario, bixutería, complementos, decoración, fotografía, escaparatismo ou xestión comercial. Ademais, estase a fomentar a comercialización off/online destas novas liñas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre