Inicio Galicia A Xunta fomenta as artes escénicas para público familiar co seu apoio...

A Xunta fomenta as artes escénicas para público familiar co seu apoio ao VII Festival das Núbebes de Pontevedra

0

O director da Agadic participou na presentación do programa de teatro, contos, música e obradoiros que se desenvolverá os días 20, 21, 22, 28 e 29 de setembro


O VII Festival das Núbebes de Pontevedra presentou hoxe o seu programa de actividades de artes escénicas dirixido especialmente a bebés e familias, para cuxa celebración conta co apoio da Xunta de Galicia. O certame, único na Comunidade do seu xénero dedicado por completo ás idades máis temperás, desenvolverase en dúas fins de semana consecutivas, os días 20, 21, 22, 28 e 29 de setembro, cunha carteleira que abrangue teatro, contos, música e obradoiros.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación xunto cos organizadores do festival, Andrea Bayer e Óscar Ferreira, integrantes da compañía Baobab; e Carme Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, promotor do evento. Todos eles incidiron na importancia da cita como alternativa de ocio das familias e da crecente consolidación deste festival na axenda cultural galega.

Jacobo Sutil explicou ademais que o Núbebes recibe este ano axuda económica de preto de 8.000 euros da Consellería de Cultura e Turismo, como unha das oito mostras galegas adxudicatarias da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais profesionais de artes escénicas, dotada este ano con 190.000 euros.

Referiuse tamén aos valores específicos deste festival pola súa compoñente de ‘facilitador e garante’ para o potencial público do futuro. “Sabemos que da súa experiencia favorable en citas como esta dependerá, en boa medida, a continuidade na asistencia ao teatro das familias, dos nenos xa en idades maiores e, en definitiva, dos espectadores das vindeiras xeracións”, expresou.

Guerra de almofadasO cartel do VII Festival das Núbebes arranca o venres 20 no Teatro Principal cunha sesión de teatro, monicreques e música que contará con Cora Velasco como artista convidada. Nos restantes catro días do enconto, a actividade estenderase a outros emprazamentos, como o Padroado de Turismo Rías Baixas, a Casa Azul, o Centro Social do Casino Mercantil e o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, ademais da praza do Teucro, onde terá lugar o domingo 29 a xa tradicional guerra de almofadas e coxíns que precederá o espectáculo musical A voar, da Cé Orquestra Pantasma.

Outras formacións que presentarán as súas montaxes son Mercedes Prieto con Ninananas, Kamante Teatro con Sembrando historias, Asociación Down Pontevedra con Cociñando Xunt@s, Cris de Caldas e Xabi de Camiño con Kenka un kenko, Nieves López López con Apertas de familia, Baobab Teatro con O lobo e a lúa, O Mago Paco con Patapatún, tun, tun!!, Eugenia Manzanera con Caracoles, Flauta Mágica con Lúa, lúa, sol, ou Raquel Queizás con O xogo de Nano, entre outras. Varias propostas van dirixidas á franxa de idade de cero a doce meses e todas elas están recomendadas especialmente para nenos e nenas ata os seis anos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre