Inicio Galicia A Xunta fomenta a incorporación de alimentos ecolóxicos nos comedores escolares nun...

A Xunta fomenta a incorporación de alimentos ecolóxicos nos comedores escolares nun curso universitario de verán

0

A consellería aposta por este tipo de iniciativas para conformar un rural activo, que permita un tecido socioeconómico estable e sostible e que traballe ademais a prol das estratexias de loita fronte ao cambio climático


O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, participou hoxe na inauguración do curso de extensión universitaria Comedores Escolares Ecolóxicos, que se celebra no concello de Allariz. O curso, organizado pola Universidade de Vigo, conta coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural das Mariñas-Betanzos, que desenvolveu no seu momento unha das iniciativas piloto de comedores ecolóxicos nunha escola infantil da cidade da Coruña. A outra iniciativa deste tipo tivo lugar neste concello ourensán a través da Reserva da Biosfera de Allariz.

Así, durante a súa intervención o director da Agader sinalou que a Consellería do Medio Rural aposta por este tipo de iniciativas para conformar un rural activo, que permita un tecido socioeconómico estable e sostible e que traballe ademais a prol das estratexias de loita fronte ao cambio climático. Para iso, indicou tamén que a intención é traballar coas consellerías de Educación, Sanidade, Mar e Medio Ambiente en Galicia, co obxectivo de mellorar os hábitos alimentarios, especialmente dos máis pequenos, ao tempo que se apoia ao medio rural galego de xeito sostible.

Nesta liña, Miguel Pérez Dubois explicou que, coa introdución de alimentos ecolóxicos de proximidade nos comedores escolares, estamos a traballar nun conxunto de obxectivos moi ambiciosos e relacionados entre si como son o fomento de hábitos alimentarios saudables e sostibles, a potenciación dos sistemas de produción ecolóxica, a diminución da pegada ambiental dos sistemas alimentarios e o apoio á economía local, desenvolvendo socioeconomicamente a contorna.

Por todo iso, o director xeral trasladou o seu agradecemento á Universidade de Vigo por organizar este curso, que se prolongará toda a semana. Tamén agradeceu á Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos como principal entidade colaboradora, así como ao concello de Allariz como anfitrión do mesmo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre