Inicio Galicia A Xunta fomenta a conservación e divulgación do parque natural da Baixa...

A Xunta fomenta a conservación e divulgación do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés a través do voluntariado co proxecto europeo LEWO

0

Esta iniciativa permite levar a cabo actuacións de recuperación do patrimonio natural en espazos protexidos de gran valor medio ambiental como o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, o complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán ou nas Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e a de Patrimonio Natural, Belén do Campo, compartiron parte da xornada de hoxe coas voluntarias e voluntarios que durante esta fin de semana realizan tarefas de limpeza e restauración ambiental no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Esta acción enmárcase no programa LEWO(Life Envergreen with Volunteer) da Comisión Europea, co que se facilita que as mozas e mozos galegos se impliquen en accións de voluntariado ambiental en diferentes en zonas da comunidade de gran valor natural.

Cristina Pichel destacou a importancia desta iniciativa para concienciar á xente nova sobre a necesidade de respectar e poñer en valor diferentes espazos naturais da comunidade de gran valor ambiental. Tamén subliñou que a través deste proxecto se reforza a aposta da Xunta de Galicia polo voluntariado ambiental. Neste sentido, lembrou que ao longo deste 2019 se ofertaron preto de 550 prazas neste programa a través de diferentes accións.

Pola súa banda, Belén do Campo incidiu na importancia que ten este proxecto de cara ao obxectivo de dar a coñecer o patrimonio natural de Galicia a través da promoción de tarefas de voluntariado medioambiental entre os mozos galegos. Así mesmo, a responsable autonómica de Patrimonio Natural lembrou que desde o pasado mes de agosto ata hoxe realizáronse tamén actividades no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; na Serra do Courel; nos Parques Naturais do Monte Aloia e do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; así como en tres das seis Reservas da Biosfera que hai declaradas en Galicia: Río Eo, Oscos e Terras de Bourón, As Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, e Terras do Miño.

Cuarta quenda no XurésNo caso do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, esta é a cuarta vez no que vai de ano que este espazo natural recibe voluntarios do proxecto LEWO para levar a cabo actividades de limpeza, plantación de árbores e restauración natural. Concretamente, as quendas anteriores desenvolvéronse durante a fin de semana do 12 ao 14 de abril, coa participación de 33 persoas; do 23 ao 25 de agosto, cando se mobilizou a un grupo de 21 voluntarios; e do 27 ao 29 de setembro, cun total de 11 participantes.

Ao longo desta fin de semana, as persoas voluntarias traballaron na adecuación dos roteiros da Vía Nova e dos muíños de Vilameá, así como na limpeza do lixo na contorna do río Caldo. Tamén visitaron as termas de Bande e o centro de interpretación de Lobios. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre