Inicio Galicia A Xunta financiou con case 120.000 euros programas de atención integral nos...

A Xunta financiou con case 120.000 euros programas de atención integral nos que participaron 245 reclusas e ex-reclusas

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta investiu este ano 1,3 millóns de euros en axudas das que se beneficiaron 69 entidades sociais sen ánimo de lucro para levar a cabo programas destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe no Parlamento galego, que a orde de axudas ás entidades sociais sen ánimo de lucro para poñer en marcha programas destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade contou este ano cun orzamento de 1,3 millóns de euros, e chegou a un total de 69 asociacións. No marco destas subvencións, a Xunta apoiou, cun investimento de 119.470 euros, programas en seis entidades nos que participaron 245 mulleres privadas de liberdade ou ex-reclusas.

Na súa intervención, López Abella sinalou que os proxectos que se financian ao abeiro destas subvencións teñen como obxectivo fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas de maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e persoal.

A Xunta destinou á convocatoria deste ano un investimento inicial 910.000 euros, que se ampliou o pasado xullo con outros 429.477 euros que permitiron aumentar o número de entidades beneficiarias. A Administración autonómica investiu nesta orde de axudas máis de 11,6 millóns de euros nos últimos dez anos.

Os programas que se financian inclúen, por unha parte, recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes en situación de especial vulnerabilidade con fillas e fillos menores de tres anos; e tamén de atención personalizada e especializada. Así, entre as actuacións financiadas polo Goberno galego a través destas axudas inclúense servizos de orientación e información, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, ou actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas.

A secretaria xeral da Igualdade lembrou que teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes, emigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións; reclusas ou ex-reclusas; procedentes de institucións de protección; transexuais ou con conflitos de identidade de sexo; con discapacidade ou enfermidade mental; embarazadas sen apoio familiar ou sen recursos; maiores ou viúvas; sen fogar; desempregadas de longa duración; ou con residencia en concellos rurais de zonas pouco poboadas.

Por iso, López Abella destacou que algunhas das entidades sociais beneficiarias destas axudas desenvolven programas específicos para mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de vulnerabilidade, que a Xunta financiou este ano con 133.981 euros para que seis entidades desenvolvesen iniciativas das que se beneficiaron 373 vítimas desta lacra.

No caso de mulleres que residen en concellos rurais con pouca densidade de poboación, seis entidades levaron a cabo proxectos nestas zonas grazas a unha aportación de 184.236 do Goberno galego no marco destas axudas. Tamén se destinaron máis de 185.000 euros a 13 organizacións para levar a cabo actuacións dirixidas a mulleres con discapacidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre