Inicio Galicia A Xunta financiará con case 400.000 euros a compra dun edificio e...

A Xunta financiará con case 400.000 euros a compra dun edificio e a rehabilitación do Centro Cultural de Couso en Ponteareas

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde Xosé Represas asinaron hoxe dous convenios de colaboración en virtude dos cales o departamento autonómico achegará esta contía con cargo ao Fondo de Cooperación para concellos de menos de 50.000 habitantes

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará a través de préstamos sen xuros un total de 399.894,94 euros ao Concello de Ponteareas (Pontevedra) co obxecto de financiar a adquisición dun edificio localizado no centro urbano e a rehabilitación do Centro Cultural de Couso.

Con este fin, a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Xosé Represas asinaron hoxe telematicamente dous convenios de colaboración (un por cada unha das actuacións) que lle darán acceso ao municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio aos concellos de menos de 50.000 habitantes para o financiamento de obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, o Concello de Ponteareas poderá dispoñer de 250.000 euros para a adquisición do edificio localizado no número 39 da Praza Maior, unha contía que poderá devolver ao IGVS en oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

Trátase dun inmoble construído no ano 1900, con tres andares, patio e unha superficie total construída de 918 m2. Localizado en pleno centro urbano, antes de caer en desuso se utilizaba como lugar de almacenaxe para un local de hostalaría. O obxectivo municipal é compralo para a súa posterior rehabilitación, ata convertelo nun elemento dinamizador da contorna da Praza Maior, punto de encontro e de referencia para a veciñanza local.

En canto á segunda actuación que se financiará en Ponteareas con cargo ao Fondo de Cooperación, trátase da rehabilitación do actual Centro Cultural do lugar de Couso, na parroquia de Guláns. O IGVS porá a disposición do Concello unha contía de 149.894,94 euros para que poida acometer a reforma do inmoble e reparar unha serie de deficiencias detectadas.

O inmoble obxecto desta actuación era unha antiga escola municipal e consta de dúas plantas máis faiado coa seguinte distribución: baixo con pequeno porche exterior e amplo espazo destinado a zona de ocio; primeiro andar cun salón diáfano para usos socio-culturais; e baixo-cuberta, que se emprega como lugar de almacenaxe. Ademais, consta de dúas construcións anexas que dan servizo ao edificio: un aseo exterior e un volume lonxitudinal.

O estado de conservación do inmoble é desigual, presentando as maiores deficiencias a planta alta e o baixo-cuberta polo que a maior parte dos traballos centraranse na mellora das condicións estruturais, construtivas e de uso do actual Centro Cultural, con intervencións sobre forzados e piares, en carpinterías de fiestras e portas e na instalación eléctrica e de calefacción, entre outros traballos.

Dotación inicial de 10 millóns para o fondo Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e o obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros.

Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo de Cooperación realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes se abriu o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros, incluídas as dúas actuacións comprometidas hoxe co Concello de Ponteareas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre