O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que se eliminarán barreiras arquitectónicas e se instalará mobiliario urbano nas beirarrúas, ademais de renovar a capa de rodaxe
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda financia con 96.800 euros os traballos de humanización que se están a levar a cabo na rúa Río Neira, na Pobra de San Xiao (Láncara), asumindo así o 80% do custo do proxecto ao abeiro dun programa de axudas para a creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de menos de 50.000 habitantes.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou as obras xunto co alcalde, Darío Piñeiro, entre outros, e explicou que o obxectivo deste programa é promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos con criterios de sustentabilidade, “incrementando o nivel de servizos e dotacións e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación”.
Neste caso, a actuación afecta a unha rúa do casco urbano, que ademais dá acceso á residencia da terceira idade. A actuación principal afectará ás beirarrúas e está pensada para eliminar barreiras arquitectónicas e gañar espazo para os peóns.
As beirarrúas teñen 2,40 m de ancho, pero os alcorques das árbores réstanlles superficie útil de uso peonil, polo que o proxecto contempla trasladar as árbores á calzada contribuíndo a delimitar a zona de aparcamento e deixando máis espazo para a mobilidade dos peóns. Ademais, instalaranse bancos e papeleiras e habilitaranse prazas de aparcamento accesibles.
A intervención proposta tamén comprende a execución dunha capa de rodaxe na vía e a renovación da sinalización horizontal, contribuíndo así a mellorar as condicións de seguridade do tráfico.
Balseiro sinalou que a Xunta traballa para “incrementar o atractivo dos municipios rurais e fixar poboación moza, contribuíndo ao equilibrio territorial e á cohesión social”.