Inicio Galicia A Xunta financia con 294.000 euros cinco unidades de atención temperá que...

A Xunta financia con 294.000 euros cinco unidades de atención temperá que prestan servizo a 17 concellos lucenses

0

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, presentou as dúas que se crean este ano xunto a representantes dos seis concellos implicados


A Consellería de Política Social financia este ano dúas novas unidades de atención temperá na provincia: a primeira compartida polos concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei, e a segunda polos de Palas de Rei, Begonte, Friol e Guntín.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe este servizo e indicou que deste modo son xa cinco as unidades de atención temperá que prestan servizo a 17 concellos na provincia de Lugo, grazas a un investimento de 294.000 euros da Consellería de Política Social. No acto participaron tamén os alcaldes de Outeiro de Rei, José Pardo, e Palas de Rei, Pablo Taboada; a alcaldesa de Guntín, María José Gómez; o tenente alcalde de Begonte, Luís Luaña; a concelleira de Castro de Rei María José López, e a concelleira de Friol Ángeles Buján.

Balseiro subliñou que a atención temperá é un recurso fundamental para os nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento ou con risco de padecelos. “Este servizo ofrece un conxunto de accións compensadoras, que facilitan a súa adecuada maduración en todos os ámbitos e lles permite alcanzar o máximo nivel de desenvolvemento persoal e de integración social”, afirmou.

En cada Unidade de Atención Temperá traballa un equipo multidisciplinar, cun mínimo de tres integrantes con formación apropiada, e en todo caso, especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

O delegado indicou que a Xunta de Galicia financia a prestación deste servizo polos concellos, “porque entendemos que o ámbito municipal é o idóneo para xestionalos pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación”.

A rede na provinciaA Rede galega de atención temperá medrou considerablemente na provincia nos dous últimos anos. Así, no 2018 creáronse dúas unidades, que comparten Antas de Ulla e Portomarín, por un lado, e por outro Abadín, Barreiros, Mondoñedo, Pastoriza, Riotorto, Trabada e Lourenzá.

Este ano, ademais de sumar as dúas novas unidades hoxe presentadas, tamén cambiou o ámbito de actuación da unidade máis veterana, con sede en Burela e á que agora está adscrita tamén o concello de Viveiro.

En definitiva, concluíu Balseiro, “a Xunta quere seguir complementando os servizos sociais municipais, para que todos os cidadáns, en todo o territorio, teñan acceso aos recursos que posibiliten o seu pleno desenvolvemento persoal e social. É obriga das administracións colaborar neste obxectivo e procurar o benestar da poboación, máxime cando falamos de servizos destinados á infancia”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre