Inicio Galicia A Xunta financia con 293.000 euros un obradoiro dual que forma a...

A Xunta financia con 293.000 euros un obradoiro dual que forma a 20 persoas e acondiciona espazos de Baralla, Becerreá e As Nogais

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, coñeceu a actividade deste taller, que estará en marcha ata finais de xullo do vindeiro ano


Baralla (Lugo), 14 de decembro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, coñeceu hoxe a actividade que está a desenvolver o obradoiro de emprego Neira de Jusá IV, promovido polo Concello de Baralla xunto cos de Becerreá e As Nogais. Trátase dun obradoiro dual con 20 alumnos traballadores, que adquiren coñecementos en operacións de construción e albanelería e dedícanse á rehabilitación de espazos públicos municipais.

Esta iniciativa é financiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cunha achega aproximada de 293.000 euros, segundo apuntou o delegado. Este investimento inclúe a concesión de incentivos para a contratación laboral de participantes, que poderán combinar o contrato de formación e aprendizaxe no obradoiro durante nove meses cun contrato adicional de polo menos tres meses máis nunha empresa da zona. Este obradoiro suma outros catro contratos para postos de dirección, administración e monitores.

Balseiro salientou que os obradoiros son unha das ferramentas máis demandadas dentro das políticas de emprego da Xunta, xa que por un lado favorecen a adquisición de experiencia laboral a través dun contrato de traballo e por outro desenvolven obras ou servizos de interese xeral e social para os concellos.

Neste caso, impártense dúas especialidades: ‘Revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción’ -que conta con sete alumnos traballadores de Baralla e seis das Nogais- e ‘Operacións auxiliares de albanelería, fábricas e cubertas’ – con sete participantes de Becerreá-.

Os proxectos previstos para os vindeiros meses, ata finais de xullo de 2019, consisten no acondicionamento e rehabilitación de diversos espazos. Así, en Baralla actuarán na beira do río Neira e o lavadoiro de Ferreiros; nas Nogais traballarán no lavadoiro de Lamazas, o camiño de Alence e a fonte pública de Nullán e en Becerreá está prevista a recuperación da escola de Cruzul para destinala a aula de natureza, o acondicionamento do local da cámara agraria para ampliar as instalacións do GES e a reforma da entrada da nave do mercado gandeiro para dedicala a almacén de maquinaria desa agrupación.  

No hay comentarios