Inicio Galicia A Xunta financia con 1,2 millóns de euros os programas de inclusión...

A Xunta financia con 1,2 millóns de euros os programas de inclusión de 14 concellos lugueses en apoio dos colectivos en situación de vulnerabilidade

0

As achegas da Consellería de Política Social permitirán a posta en marcha ata 2021 de distintas iniciativas dirixida á atención da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión


A Consellería de Política Social financia con 1,2 millóns de euros os programas de emerxencia e inclusión social de 14 concellos da provincia de Lugo en apoio dos colectivos en situación de vulnerabilidade.

Entre as iniciativas que os servizos sociais municipais desenvolverán -co apoio da Xunta- están os programas de inclusión da poboación xitana, inmigrante e persoas en risco de exclusión social que engaden, por primeira vez, un programa específico para a atención ás persoas sen fogar.

O orzamento destinado polo Goberno galego para estas accións duplica o previsto o ano anterior e inclúe a ampliación do período para levar a cabo os programas subvencionados, que se eleva de 16 a 20 meses, para que os concellos que os impulsen conten con máis continuidade.

Catro programas subvencionadosO delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que respecto á provincia de Lugo, catro concellos da provincia (Lugo, Monforte, Quiroga e Viveiro) repártense un total de 290.061,71 euros para o programa de apoio á comunidade xitana.

O segundo programa financiado é o dirixido á inclusión social da poboación inmigrante, con 290.061 euros a distribuír entre outros catro concellos, en concreto, os de Burela, Lugo, Viveiro e Vilalba.

A terceira das accións financiadas é a promovida polo Concello de Lugo, que recibe 68.772 euros para o programa de apoio a situacións de emerxencia social.

Finalmente, máis de medio millón de euros (572.178 euros) servirán para apoiar os programas complementarios de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social dos menores de once municipios da provincia: os de o Viveiro, Vilalba, Sober, Pobra do Brollón, Pantón, Monforte, Mondoñedo, Guitiriz, Chantada, Carballedo e Burela.

Aínda que as accións subvencionables pode variar en función do programa concreto, moitas delas teñen en común iniciativas como a erradicación do chabolismo, mediación cultural e social, reforzo educativo de menores, formación dixital, servizo de transición ao emprego, accións formativas dirixidas ao coñecemento dos valores de acollida, ou á alfabetización nas linguas oficiais e o servizo de Educación Familiar, entre outros.

Esta iniciativa redunda na necesaria colaboración institucional entre os concellos e a Xunta. As corporacións municipais son responsables dos servizos sociais básicos e da prestación destes apoios, e a Administración autonómica financia estas iniciativas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre