Inicio Galicia A Xunta financia a implantación dun sistema de videovixilancia para incrementar a...

A Xunta financia a implantación dun sistema de videovixilancia para incrementar a seguridade no polígono de Rábade, cun investimento de 29.000 euros

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía e Emprego mellora as infraestruturas e dotacións do chan industrial para “impulsar a competitividade das empresas”

A Xunta de Galicia financia con 29.000 euros a implantación dun sistema de videovixilancia para mellorar a seguridade do parque empresarial de Rábade. A Consellería de Economía, Emprego e Industria achega así o 80 por cento do custo total do proxecto.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería ten en marcha un novo programa de apoios para incrementar as infraestruturas e dotacións dos polígonos industriais, co obxectivo de “contribuír a crear espazos favorables para a actividade económica e deste modo impulsar a competitividade do noso tecido empresarial”.

No caso concreto de Rábade, o investimento servirá para instalar un moderno sistema de vixilancia, baseado en tecnoloxía intelixente que proporciona percepción da situación de risco en tempo real para responder con maior axilidade ante unha incidencia. Entre outras ferramentas, sérvese de cámaras que procesan por si mesmas as imaxes e envían á central sinais de aviso.

As obras consisten na instalación do armario principal, incluíndo equipamento de fibra, videogravador, discos duros, e instalación en altura de 13 cámaras e de todo o cableado eléctrico e de datos necesario.

No conxunto da provincia, o Goberno galego achegará este ano 1,3 millóns de euros para intervencións en 15 concellos. Esta liña de apoios está a permitir a modernización dos parques empresariais como dinamizadores da economía e do emprego local, na procura da súa mellora competitiva.

As achegas están destinadas esencialmente a executar actuacións en redes viarias e sistemas de saneamento, mellorar a xestión de residuos, e implantar sistemas de seguridade, como neste caso.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre