Inicio Galicia A Xunta financia 10 novas unidades de atención temperá e consolida outras...

A Xunta financia 10 novas unidades de atención temperá e consolida outras 18 que xa están en funcionamento

0

Un total de 129 concellos galegos xa contan con este servizo, ao que se destinan case 2 millóns de euros


A Xunta concede axudas por uns 2 millóns de euros para financiar 28 unidades de atención temperá, dez delas de nova creación. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a listaxe de concellos e agrupacións de concellos beneficiados desta liña de achegas cofinanciada polo fondo social europeo e coa que a cobertura deste servizo chega xa a 129 localidades da nosa comunidade.

Do importe total das axudas, 318.000 euros destínanse a financiar a decena de unidades de nova creación, sete en agrupacións de concellos e tres en municipios individuais. Entre as primeiras están a agrupación formada por Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil; a da Mancomunidade do Baixo Miño; a dos concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei; a unidade compartida polos municipios de Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Zas e Vimianzo; a agrupación de Padrón, Dodro e Rois; a de Friol, Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Reis; e a agrupación constituída polo Pino, Touro, Boqueixón e Vedra. Así mesmo, benefícianse destas achegas econonómicas para a posta en marcha individual dunha unidade de atención temperá os concellos das Pontes de García Rodríguez, Sada e Gondomar.

A maiores destas 28 unidades promovidas a través desta liña de axudas, a Consellería de Política Social subvenciona o funcionamento doutras tres unidades que xestiona por medio da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños. Ademais, esta rede galega de atención á infancia dispón tamén de recursos nos ámbitos sanitario, educativo e dos servizos sociais.

Prevención de trastornosAs unidades de atención temperá son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. O Goberno galego segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estes menores.

A atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre