Inicio Galicia A Xunta finaliza o izado sobre as vías do tren da pasarela...

A Xunta finaliza o izado sobre as vías do tren da pasarela da Estación Intermodal de Santiago

0
image_gallery.jpg

Nos vindeiros días comezará a execución, xa in situ, do treito que unirá a rúa do Hórreo cos tramos colocados


A Xunta finaliza o izado sobre as vías do tren da pasarela da estación intermodal de Santiago, traballos que supervisou onte á noite a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

A pasarela, deseñada polo estudio de arquitectura de Juan Herreros, conectará a estación de ferrocarril coa nova terminal de autobuses e supón un investimento de preto de 5,6 millóns de euros que cofinancian a Xunta, o Concello de Santiago e Adif.

A infraestrutura tamén enlazará dúas zonas da cidade de Santiago historicamente separadas polas vías do tren, os barrios do Ensanche e Pontepedriña, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.

A execución da pasarela, asumida pola Xunta, vai acompasada coa construción da nova estación de autobuses, á que a Xunta achega 10,4 millóns de euros. Prevese que estes traballos poidan estar rematados a finais deste ano.

A estrutura da pasarela está formada por dúas partes diferenciadas, a plataforma de formigón e a estrutura metálica porticada. O seu ancho varía entre os 8 e 12 metros, cunha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai desde os 8, aos 12 e 16 metros.

No conxunto da infraestrutura distínguense 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e andéns, e a da estación de autobuses.

O izado da estrutura metálica da pasarela acometeuse en dúas xornadas, elevando cada día un tramo de 32 metros de lonxitude. Na noite do luns colocouse un tramo sobre a pila instalada o venres e onte foi a quenda do treito restante sobre a pila da marxe da rúa do Hórreo, enlazándose coa estrutura anterior.

Para levar a cabo esta operación, empregáronse plataformas elevadoras móbiles de persoas, unha grúa de gran tonelaxe e maquinaria eléctrica e neumática para apretar a tornillería.

A finalización deste proceso permitirá iniciar nos vindeiros días as fases finais da obra, coa urbanización da praza que unirá esta infraestrutura coa rúa Clara Campoamor ou a execución do treito que conecta a pasarela izada coa rúa do Hórreo.

O Goberno galego continúa traballando para que Santiago dispoña dunha estación intermodal eficiente e moderna que permita aproveitar ao máximo a chegada do AVE a Galicia.

Ademais, esta infraestrutura garantirá que a cidade estea preparada para celebrar o vindeiro ano Xacobeo, estratéxico para a reactivación económica. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre