Os organizadores deste proxecto realizaron un documental no que plasman as experiencias dos participantes ao longo desta década
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, asistiu esta tarde á presentación do documental Discamino realizado polos organizadores deste proxecto con motivo dos seu décimo aniversario. Alí destacou o valor de iniciativas coma esta que achegan a posibilidade de realizar o Camiño de Santiago a persoas con discapacidade.
O director xeral sinalou que ademais dunha actividade de lecer, Discamino representa un reto compartido entre administracións, organizacións e as familias cuxa meta está na plena inclusión. Ildefonso de la Campa resaltou que o Goberno galego traballa cada día para converter esta idea nunha realidade, ofrecendo máis servizos e atencións ás persoas con discapacidade.
Discamino nacía no ano 2009 da man dun grupo de voluntarios que axudaron a un rapaz xordo-cego de Vigo a realizar o Camiño de Santiago. Desde entón, esta iniciativa converteuse nunha tradición á que cada ano se unen máis participantes e colaboradores.