Inicio Galicia A Xunta fará un novo cribado a todo o persoal dos centros...

A Xunta fará un novo cribado a todo o persoal dos centros sanitarios e porá en marcha o Covid-auto escola para realizar PCR á comunidade educativa

0
image_gallery.jpg

Feijóo incide en que “seguimos a apostar pola detección precoz, é a nosa tese desde fai meses: tests, tests e máis tests”


O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta fará un novo cribado a todo o persoal que traballa nos centros sanitarios e porá en marcha o Covid-auto escola para realizar PCR á comunidade educativa. Deste xeito “seguimos a apostar pola detección precoz, é a nosa tese desde fai meses: tests, tests e máis tests”, incidiu o presidente da Xunta.

Este segundo cribado nos centros sanitarios arrincará mañá, día 2 de outubro, e levarase a cabo cos test de dobre banda cedidos por Inditex. Feijóo detallou que incluirá aos case 44.000 profesionais “tanto do Sergas como das entidades asistenciais dependentes”.

Covid-auto escolaAdemais, a Xunta tamén porá en marcha entre mañá e o luns un circuíto específico para a realización das PCR á comunidade educativa a través dos Covid-auto. Feijóo aseverou que os Covid-auto escola permitirán “axilizar a realización das probas diagnósticas, diminuír o tempo de sospeita e diagnóstico, acelerar o proceso de identificación dos contactos estreitos e reducir a presión sobre atención primaria, especialmente pediátrica”.

Todas as áreas sanitarias contarán con espazos Covid-auto específicos para os posibles casos procedentes das escolas. Deste xeito, cada vez que se detecte un posible caso nunha aula e se determine que deben facerse PCR, toda esa aula se derivará automaticamente á axenda das liñas Covid-auto.

O presidente da Xunta lembrou que ata o momento xa se teñen realizado cribados: a todo o persoal docente e non docente de primaria, secundaria e das escolas infantís- máis de 40.000 profesionais-; aos temporeiros que realizan tarefas agrícolas, especialmente na vendimia; a membros de Corpos e Forzas de Seguridade e ao persoal de prevención e extinción de incendios forestais.

A maiores, tamén se levaron a cabo dous cribados completos tanto a usuarios como a profesionais das residencias de maiores de toda Galicia. E, segundo avanzou Feijóo, “estamos xa cumprindo o compromiso asumido con toda esta colectividade, que é facer un cribado de PCR cada 14 días, dous ao mes, a todos”. Estase realizando a través do sistema de autotomas de mostra de saliva que serán analizadas co sistema de pooling do novo laboratorio de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre