Inicio Galicia A Xunta fai entrega dos premios aos centros gañadores do concurso de...

A Xunta fai entrega dos premios aos centros gañadores do concurso de carteis da campaña da Xunta do 8M

0

Os centros gañadores foron un colexio de Vigo, un centro de Educación Especial de Santiago e un Instituto de Cee


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, participaron hoxe no acto de entrega de premios do concurso escolar de carteis con motivo do Día Internacional da Muller.

Alfonso Rueda indicou que “o camiño para avanzar cara a igualdade é a educación, que o respecto, a liberdade e a igualdade son os tres piares básicos desa educación polo que é necesario seguir traballando na igualdade na educación e nos valores”. “Todo ten un claro obxectivo, que é impulsar o cambio de valores, actitudes, roles e estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero a través dun modelo educativo que promova a equidade entre mulleres e homes en todas as súas dimensións”, afirmou o vicepresidente da Xunta, que gabou a gran calidade dos traballos presentados polos centros galegos.

O obxecto do concurso foi fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que permita visibilizar a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

Pola súa banda a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, reiterou o compromiso “claro” de seu departamento “coa igualdade, coa coeducación e coa convivencia”, que pasa por garantir un modelo educativo baseado no respecto e na liberdade. Neste senso, sinalou que desde o Goberno galego se está traballando a prol da igualdade “como un elemento transversal da organización educativa na vida nos centros”.

Isto é, mediante a colaboración dos distintos departamentos institucionais, como é o caso da cooperación entre a Consellería de Educación e a Vicepresidencia da Xunta -a través da Secretaría Xeral de Igualdade- que desembocou no I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-20 e que permitiu, entre outros, reforzar a formación dos docentes e do alumnado sobre a igualdade de homes e mulleres, a non discriminación por identidade sexual, e sobre a necesidade de rexeitar e combater a violencia de xénero.

Carmen Pomar aproveitou a súa intervención para felicitar ao alumnado, aos docentes e aos centros pola creatividade e traballo realizado que desembocou nestes carteis premiados, todos eles con mensaxes que espertan sensibilidades, que invitan á reflexión e ao pensamento crítico e que certifican o dito de que “unha imaxe vale máis que mil palabras”.

Na categoría do alumnado de 1º a 4º de Educación Primaria o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo recibiu o primeiro premio co cartel que leva por lema Mulleres do mundo. Baixo a mesma Bandeira, e o CEIP A Paz-Tintureira, tamén de Vigo, o 2º premio polo cartel Xuntas enseñamos igualdade. Entre os traballos presentados polo alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO o primeiro premio recaeu no CEE Manuel López Navalón de Santiago, co cartel titulado O cambio comeza por nós, e o segundo posto no Colexio San José-Josefinas de Ourense, cuxa proposta leva por lema Todas facemos camiño.

Por outra parte, o IES Agra de Raíces do concello coruñés de Cee con Rompe as cadeas dos estereotipos de xénero obtivo o primeiro premio e o IES Saturnino Montojo de Ferrol, o segundo premio con Cánsaste de lelo? Nós de vivilo!. Ambos participaron na categoría na que participaron alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP Básica, así como de ciclos de grao medio e superior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre