Inicio Galicia A Xunta facilita a conciliación das familias do rural da provincia de...

A Xunta facilita a conciliación das familias do rural da provincia de Ourense coa posta en servizo de 38 Casas Niño

0

A Consellería de Política Social ven de resolver unha nova convocatoria de axudas para a creación de 15 recursos deste tipo, dos que seis se asentarán noutros tantos concellos ourensáns sumándose aos 32 existentes


A delegada territorial da Xunta en Galicia, Marisol Díaz Mouteira, visitou a Casa Niño do municipio ourensán da Veiga, e salientou a importancia destes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais. Por isto, o Goberno galego seguirá a impulsar a creación de casas niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural.

Neste sentido Marisol Díaz lembrou o anuncio de que a Consellería de Política Social fará o ano que vén unha convocatoria extraordinaria de axudas para estender este servizo ao 100% dos municipios. Con este obxectivo, indicou a delegada territorial, os orzamentos de 2020 inclúen unha partida de 620.000 euros que permitirá abrir casas niño en localidades que non teñen nin escola infantil nin punto de atención á infancia. O centro ‘Meniñeiros’ de A Veiga atende a un total de 4 nenos e nenas e é unha das 32 casas niño que están a funcionar na provincia de Ourense. Concretamente creouse ao abeiro da primeira convocatoria de axudas da Consellería de Política Social correspondente ao ano 2016. Foi beneficiaria dunha axuda de investimento para a súa posta en marcha de 15.000 euros e, anualmente, recibe primas para o seu desenvolvemento de 19.600 euros.

Durante o percorrido polas instalacións a representante do Goberno galego en Ourense insistiu na importancia que teñen as Casas Niño para o fomento da conciliación nos concellos rurais e sinalou que a posta en marcha destes equipamentos é unha mostra da aposta da Xunta de Galicia porque nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades.

Díaz Mouteira salientou que, ademais de atender gratuitamente ás necesidades de conciliación dos pais e nais que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes, as casas niño favorecen a equidade no acceso aos servizos por parte de todas as familias galegas, con independencia do lugar de residencia; impulsan o autoemprego e a economía social; contribúen á dinamización dos núcleos rurais e axudan á fixación de poboación no territorio.

A delegada territorial apuntou que o Goberno galego resolveu recentemente unha nova convocatoria de axudas, a cuarta desde a implantación deste programa en 2016, para a creación doutros 15 recursos deste tipo, dos que seis se asentarán na provincia ourensá, en concreto nos concellos de Larouco, Montederramo, Petín, Punxín, Rairiz de Veiga e Vilar de Barrio. Estas incorporacións sumadas as que xa funcionan consolidan a Ourense como a provincia que vai contar con máis casas niño, un total de 38.

Esta medida forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que a Consellería de Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís ou a recentemente anunciada de gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos en todas as escolas de Galicia para os segundos fillos e sucesivos a partir do vindeiro ano.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre