Inicio Galicia A Xunta facilita a accesibilidade no CEIP do concello ourensán de Maceda...

A Xunta facilita a accesibilidade no CEIP do concello ourensán de Maceda coa instalación dun ascensor

0

Estas actuacións executaranse ao abeiro do Plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) que beneficiará a 46 centros de Primaria e Secundaria e que conta cun orzamento de case 1,4 M€


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está a executar, aproveitando o período non lectivo dos meses de verán, obras para a instalación dun ascensor no CEIP de Maceda, cun investimento de arredor de 45.000 euros. Con tal motivo a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, desprazouse hoxe ata o centro educativo para supervisar o desenvolvemento dos traballos.

O edificio do CEIP de Maceda ten dúas alturas pero aproveita os desniveis do terreo onde se asenta, creando diferentes niveis no seu interior, o que dificulta a accesibilidade do alumnado con mobilidade reducida. Díaz Mouteira indicou que diante desta situación e co obxecto de adaptar o inmoble á lei de accesibilidade e como medida principal para a eliminación de barreiras arquitectónicas, a unidade técnica da Xefatura Territorial do departamento educativo decidiu propoñer a instalación do elevador, con capacidade para 8 persoas.

Díaz Mouteira, acompañada polo alcalde do municipio, Rubén Quintas, e a arquitecta da Xefatura Territorial de Educación, indicou que esta obra se executará ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) e que se realiza durante as vacacións de verán co fin de non interferir na actividade académica. A representante do Goberno galego salientou o esforzo inversor da Administración autonómica en acondicionamentos e melloras dos centros escolares da provincia, co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades.

En Ourense, enmarcados dentro do programa RAM durante este verán executaranse obras en 30 centros de Primaria e 10 de Secundaria de 29 concellos da provincia por un importe global de preto de 1,4 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre