Inicio Galicia A Xunta expón un proxecto integral para rehabilitar e recuperar os usos...

A Xunta expón un proxecto integral para rehabilitar e recuperar os usos do Cuartel de San Fernando, mellorar e ampliar as infraestruturas culturais e turísticas de Lugo

0

Proponse a creación dun Parador-Museo neste Ben de Interese Cultural que porá en valor “in situ” os achados e comprométese a financiar o 50% do proxecto

A Xunta presentou hoxe o Proxecto integral para o impulso do turismo cultural en Lugo, un plan que propón rehabilitar o Cuartel de San Fernando e dotalo de novos usos para impulsar Lugo como referente neste eido. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza coa plataforma cidadá que aposta pola rehabilitación deste inmoble co fin de coñecer as súas motivacións e expoñer a proposta do Executivo autonómico para este emprazamento e para o resto da cidade co obxectivo de que desenvolva “o seu enorme potencial no ámbito cultural e turístico”.

A proposta en positivo da Xunta, resultado dun estudo de viabilidade realizado por profesionais de recoñecido prestixio neste ámbito, recolle a creación dun Parador-Museo no Cuartel de San Fernando cun espazo de musealización in situ que permita difundir o valioso patrimonio achado entre os lucenses e os visitantes. Trataríase dun Parador de catro estrelas tematicamente orientado á romanización de Lugo e Galicia que, segundo as estimacións realizadas, suporía un impacto económico de 1,6M€ no seu primeiro ano e xeraría un mínimo de 30 empregos directos, ademais do efecto multiplicador na zona.

Tal e como explicou o responsable de Cultura e Turismo, o custe aproximado deste proxecto roldaría os 10,8 millóns de euros e a Xunta comprométese a custear o 50% deste importe, mentres que o outro 50% debería ser achegado polas distintas institucións implicadas. Neste sentido, chamou á suma de vontades, o que contribuirá a impulsar a oferta cultural e turística da cidade, ao tempo que favorece a recuperación deste emblemático inmoble.

Un modelo acreditado de éxitoRomán Rodríguez subliñou que o modelo do Parador é o adecuado para a posta en valor deste espazo declarado Ben de Interese Cultural, pois 45 dos 97 paradores existentes en España localízanse en emprazamentos declarados BIC. Destacou ademais que esta infraestrutura suporía un “importante revulsivo da oferta turística”, xa que a ocupación media dos establecementos da empresa pública se sitúa no 74% fronte ao 52% de Lugo.

Tamén apuntou que o proxecto favorecería a internacionalización do destino, xa que a media de visitantes estranxeiros nos establecementos de Paradores é do 36% fronte ao 15% da capital lucense, o que propiciaría a captación dun novo perfil de viaxeiro e suporía un respaldo para a oferta existente e mesmo para a creación de novos establecementos, sen xerar competencia coa planta de aloxamento e os negocios en funcionamento.“Lugo é a peza que falta en Paradores”, declarou o conselleiro, quen salientou que a protección e posta en valor do BIC en San Fernando é “á motivación nuclear” do proxecto e detallou a súa incidencia no territorio, xerando de riqueza, dinamización cultural e proxección como destino urbano e cultural de referencia. Ao respecto, lembrou que Paradores conta na actualidade cun club de clientes fidelizados dun millón de membros.

O proxecto dun parador de turismo no Cuartel de San Fernando, aberto á cidadanía a través do espazo expositivo e de toda unha serie de propostas de actividades complementarias, permitiría dotar á cidade dunha infraestrutura de aproximadamente 45 habitacións e máis de 100 prazas, tres salóns para albergar un total de 175 persoas así como un restaurante e un salón de almorzos enfocados ao produto local con capacidade para 75 comensais.

Colaboración entre administraciónsEn paralelo, o Proxecto integral para o impulso do turismo cultural en Lugo inclúe unha reformulación da oferta museográfica da cidade a través de dotacións culturais de distinta titularidade co obxectivo de poñer en valor o legado da romanización tanto na capital lucense como na provincia, coa primeira como protagonista e eixo tractor. Neste eido, o responsable de Cultura e Turismo propuxo a creación dun museo da romanización a través da xestión compartida de varios centros, entre eles o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), de titularidade municipal, ou Castro de Viladonga, en Castro de Rei, de titularidade autonómica, ademais do Cuartel de San Fernando a través da musealización in situ dos achados.

Román Rodríguez destacou que a entrada en vigor da Lei de Museos no ano 2020 propiciará avanzar nun “modelo innovador de xestión integral” que achegaría solidez ao proxecto actual de ambos centros, enriquecendo a súa proposta expositiva baixo criterios de sustentabilidade e innovación. No referente ao MIHL, sinalou que suporía unha “oportunidade” para impulsar esta dotación que malia contar cun importante investimento por parte das administracións públicas, apenas recibe 14 visitantes ao día, segundo os últimos datos públicos.

Como sinalou o responsable de Cultura e Turismo, esta medida, sumada á proposta de poñer en marcha un parador de turismo no Cuartel de San Fernando cun espazo de musealización in situ, dotaría a Lugo dun espazo en rede de gran potencial para difundir entre a cidadanía e os visitantes “o enorme legado romano co que conta esta urbe”. Con este fin, o conselleiro avanzou que manterá unha rolda de contactos cos diferentes axentes implicados co fin de traballar na mesma dirección a favor do futuro de Lugo.

Revitalización do barrio da TineríaO plan exposto hoxe por parte da Xunta inclúe unha mellora das dotacións culturais e turísticas existentes na cidade aproveitando os proxectos de rehabilitación de edificios históricos que o Goberno galego está acometendo na cidade a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo. O primeiro deles pasa por situar no Pazo de Dona Urraca a primeira sede do Centro Galego de Arte Contemporáneo fóra de Santiago de Compostela tras 25 anos de acreditada traxectoria. Desta maneira, favoreceríase a dinamización do emblemático barrio da Tinería coa posta en marcha dun espazo novidoso dentro da proposta museográfica da cidade, que acollería exposicións de autores destacados a nivel nacional e internacional e permitiría a difusión de artistas locais, fomentando igualmente a creatividade.

Por último, propón que a Casa-Torre do barrio da Tinería, que tamén está a ser obxecto de rehabilitación por parte da Administración autonómica, acolla a oficina de turismo da Xunta, ademais da sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo. Isto creará sinerxías co sector, avanzando nun modelo de colaboración público-privada que completaría o proxecto para impulsar o turismo enogastronómico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre